Cuntis, un concello "seguro" no que a criminalidade caeu un 26,25%
Por Redacción
O índice de criminalidade rexistrado en Cuntis descendeu un 26,25% no último ano. É un dos datos que se analizaron este xoves na Xunta Local de Seguridade. Isto certifica, segundo a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que este é un municipio "moi seguro e tranquilo".
Larriba, que presidiu esta xuntanza acompañada polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda, e o xefe da Policía Local, situou a vila entre os concellos que teñen una incidencia "moi baixa" da criminalidade.
Así, en Cuntis apenas se rexistran aqueles delitos que causan maior inseguridade na cidadanía como son os roubos e outros delitos contra o patrimonio, segundo os datos proporcionados polos responsables policiais.
Durante os primeiros catro meses, producíronse catro estafas bancarias e catro estafas con tarxetas de crédito, que representan o 50% da totalidade de delitos rexistrados no municipio.
A subdelegada destacou que os delitos graves e menos graves contra o patrimonio experimentaron unha baixada interanual do 22,73% e os delitos leves contra o patrimonio reducíronse nun 35,48% con respecto ao ano anterior.
Esta foi a primeira reunión da Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Cuntis.