A escultura de Soledad Penalta xa substitúe ao Rei Emérito na Deputación
Por Mónica Patxot & María José Pita
Na entrada do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra descubríase este xoves a escultura que presidirá a escalinata interior do edificio. Unha obra en metal da escultora galega Soledad Penalta coa que se dá espazo ás mulleres nunha institución onde na súa historia apenas tivo representación feminina nos postos de goberno e na toma de decisións.
"Este ano é o 185 aniversario da Deputación e 130 aniversario do Pazo Provincial. A historia desta Administración escribiuse con nome de home, e este é un xesto para que no lugar máis visible estea a obra dunha muller que representa a arte: Soledad Penalta", declaraba a presidenta da Deputación Carmela Silva.
A presidenta provincial tamén destacaba que esta escultura vén a ocupar un lugar simbólico, xa que neste mesmo emprazamento atopábase o busto do Rei Emérito, e anteriormente unha inscrición adicada ao ditador Francisco Franco, que curiosamente se mantivo cando o espazo pasou a loar ao anterior Rei Xoán Carlos. "Con esta escultura tapamos unha inscrición que representaba o peor da nosa historia. Agora temos a man dunha muller e o nome de todos os concellos da man dunha recoñecidísima artista. Representa o mellor da sociedade, as mulleres ocupando espazo público".
Nesta liña tamén se manifestou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, incidindo en que "é moi importante cambiar dinámicas, imaxes e símbolos da institución. Isto é un reforzo na nosa liña de equidade e prácticas desaparecidas".
UNHA OBRA CUN SIGNIFICADO PROFUNDO
A peza de Soledad Penalta simboliza o acubillo da Deputación aos concellos e comarcas que a integran. "Como unha nai que recolle aos 61 concellos e as súas comarcas", indicaba a propia artista, ao tempo que explicaba o laborioso proceso para que todos os nomes dos mesmos se reflectisen inscritos na obra.
Penalta explicaba que comezou co corte das láminas de 2 metros que forman a peza cunha máquina que trouxo dos Estados Unidos cando nos anos 90 decidiu voltar a Galicia e adicarse á escultura en metal, un actividade na que puido comprobar o rexeitamento que desde as institucións académicas, galerías e mesmo compañeiros artistas atopou polo feito de ser muller. E neste sentido, amosaba o seu compromiso: "Sentín o rexeitamento por traballar con metal, pero non lle fixen caso porque o importante era seguir traballando malia non ter ofertas para expor. As mulleres estamos acadando o 50%, temos que axudarnos a prepararnos para ter a autoestima da loita".
Unha vez definidas as láminas, procedeu a atravesar manualmente o metal cunha máquina de aire comprimido coa que escribiu a pulso atravesando o metal os nomes dos 61 concellos. "Non é lasér" remarcou, á vez que destacaba a importancia tanto da simboloxía da súa obra como do espazo no que se instala. "Este lugar ten moitísima forza, e facer a obra dábame medo e respecto. Fixen un traballo por que a obra non estorbase e se integrase no espazo. Pensei no significado da Deputación: aperta, acollida e desexo de axuda aos concellos, que a Deputación protexe", expresaba Soledad Penalta.
Relacionadas:
-
Rebeca Quintáns: "Franco deixou ao rei Juan Carlos como garantía de que non se ían xulgar os crimes do franquismo"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Deputación retira da súa sede o busto do rei emérito
Por Oskar Viéitez |
-
Un catálogo para visibilizar o talento das artistas galegas do século XX
Por Redacción |
-
Por aclamación, Franco xa non preside a Deputación de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |