O BNG alerta de contaminación por mercurio en Lourizán e o PP, crítico co alarmismo do Bloque, nega o perigo
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG presentou este xoves unha proposta non de lei na comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galicia relacionada coa contaminación por mercurio dos terreos de Ence e Elnosa e as medidas previstas polo executivo autonómico, que segundo os nacionalista está "máis preocupado por ocultar información que por dar unha resposta a alarma social", defendeu o deputado Luís Bará, facendo referencia a palabras do director de Ence nas que afirmaba que a contaminación superaba os parámetros establecidos.
A portavoz de Medio Ambiente do grupo popular, Marisol Dïaz, asegurou que a Xunta "fai un seguimento da execución do desmantelamento e descontaminación de Elnosa con informes periódicos e unha inspección final de comprobación para acreditar que os terreos que ocupaba esta fábrica revertan ao Estado de acordo cos parámetros que fixa a lei". Neste sentido, a deputada quixo trasladar unha mensaxe de " tranquilidade, que non pasividade" e pediu á oposición que "percorra ao alarmismo".
Aínda así, os nacionalistas esixen toda a documentación relacionada co caso e advirten que, de non proporcionarllo, o Bloque comparecerá na consellería para reclamala.
Xustificou o nerviosismo da sociedade Bará en que o propio director da fábrica de Ence facía alusión a analíticas nas que os índices de contaminación eran excesivos e que estaban a afectar ao terreo que ocupa a factoría, así como a augas superficiais e subterráneas.
En calquera caso, sostén o deputado pontevedrés que "estamos a pagar as consecuencias dunha localización inadecuada do complexo industrial dende os anos 60 que fan necesaria a súa saída da ría de Pontevedra".
Pola súa banda, os populares lanzan unha mensaxe de tranquilidade. "Estase a cumprir coa normativa aplicable en materia de solos contaminados, esixindo a Elnosa unha análise de risco que parta dos escenarios máis conservadores para garantir a total eliminación do mercurio e aprobar un proxecto de descontaminación garantista, e esixindo a Ence que, malia a localización próxima a Elnosa, afonde na investigación das análises de risco, co fin de ter todos os datos necesarios para proceder á eliminación do mercurio”, apuntou.
Ademais, sostén Díaz, que os actuais niveis de mercurio detectados non comportan riscos, pero que "a consellería vai seguir investigando o que está a acontecer nesta área industrial de Lourizán, requirindo canta información sexa necesaria e, de ser preciso, adoptar todas as medidas que permitan controlar e eliminar a presenza de mercurio nestes terreos", resolveu.
Relacionadas:
-
Deixan sen efecto o plan de emerxencia exterior de Lourizán tras cesar a actividade de Elnosa
Por Redacción |
-
Establecen "novos filtros de control" no proceso de desmantelamento de Elnosa
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG solicita a documentación sobre a contaminación por mercurio dos terreos de ELNOSA e ENCE
Por Redacción |
-
O BNG reclama á Xunta que se poña á fronte das negociacións para a saída de ENCE da ría
Por Redacción |
-
A APDR denuncia que "a responsabilidade de ENCE na contaminación do solo por mercurio é evidente"
Por Redacción |
-
O Concello pide á Xunta que se verifiquen os niveis de mercurio na contorna de Ence-Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Ence nega que a presenza de mercurio se deba á súa actividade
Por Oskar Viéitez |
-
ENCE alerta nun informe interno de verteduras de mercurio á ría procedentes do desmantelamento de Elnosa
Por Redacción |