Unha borrasca irromperá na madrugada do domingo nas Rías Baixas con chuvias localmente fortes
Por Redacción
Este venres mantense un réxime de ventos do suroeste nas Rías Baixas e, por tanto, a xornada caracterizarase por ceos con alternancia de nubes e claros, con máis nubes canto máis cara ao oeste de Galicia. Existe a posibilidade dalgún orballo ocasional ao longo da mañá, aínda que está previsto que se abran grandes claros en xeral ao longo da tarde.
As temperaturas situaranse entre os 14 e os 20 graos con ventos frouxos, segundo as predicións do servizo de Meteogalicia.
Xa durante o sábado 8, Galicia quedará baixo a influencia dunha profunda borrasca situada ao noroeste que enviará unha fronte fría ao final do día. Durante o día, os ceos permanecerán pouco nubrados ou despexados. Os ceos iranse cubrindo e chegarán as choivas a toda Galicia co avance da madrugada. As temperaturas manteranse entre os 12 e os 20 graos con ventos que soprarán moderados de compoñente sur, fortes en todo o litoral atlántico e nas zonas altas.
A xornada do domingo virá marcada por choivas localmente fortes, sobre todo en toda a franxa oeste de Galicia. Ao longo da mañá haberá chuvascos, intermitentes durante todo o día e ocasionalmente tormentosos. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios mentres que as máximas sufrirán un descenso para situarse entre os 12 e os 17 graos. Os ventos soprarán do suroeste, frouxos ao principio do día e con aumento a moderados durante a tarde.
Tamén o luns 10 de maio, Galicia manterase no radio de acción da profunda borrasca localizada ao oeste de Irlanda.
O ceo continuará moi nubrado e con chuvascos intermitentes, que poderán ocasionalmente estar acompañados de saraiba, ao final da xornada será en forma de neve por encima dos 1200 metros de altitude. As temperaturas descenderán para establecerse entre os 11-15 graos, deixando os termómetros en valores baixos para esta época do ano. Os ventos soprarán do suroeste, frouxos pola mañá, aumentando a moderados a partir do mediodía.
A próxima semana manterase a inestabilidade durante as dúas primeiras xornadas, con chuvascos intermitentes. A partir do mércores as temperaturas comezarán a recuperarse, pero as probabilidades de choiva seguirán sendo elevadas.