As policías Local e Nacional renovan o protocolo polo que protexen 90 vítimas de violencia de xénero en Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O programa de Seguimento Integral das Vítimas de Violencia de Xénero (VioXén) ten actualmente 90 casos activos de violencia de xénero en Pontevedra, dos que 13 son vítimas que teñen ou tiveron máis dun agresor.
O dato deuse a coñecer este venres ao remate da última Xunta Local de Seguridade do Concello de Pontevedra, que nesta ocasión se aproveitou para asinar o novo protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local no marco do programa VioXén.
O xefe da Policía Local, José Duarte, e a comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma, asinaron o documento ante a presenza da subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e o alcalde, Miguel Anxo Fernádez Lores, que presidiran a reunión.
Segundo os datos recollidos no sistema VioXén, as 90 vítimas actuais supoñen que o municipio capitalino ten o 7,88 % dos casos activos na provincia e o 73,77 % dos rexistrados en todo o partido xudicial.
Tanto vítimas como agresores teñen un perfil de xente nova. Así, o 37 % das vítimas e o 40% dos agresores teñen entre 31 e 45 anos. Ademais, é habitual a reincidencia. Así, 13 vítimas teñen ou tiveron máis dun agresor e 22 dos agresores teñen ou tiveron máis dunha vítima.
Todas as vítimas da localidade contan con algún tipo de orde de protección, 1 está clasificada como de risco alto, 18 como de risco medio, 39 baixo e 32 non apreciado. Ademais, 6 vítimas son usuarias de Atempro (Servizo Telefónico de Atención e Protección ás vítimas da violencia de xénero da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero) e 2 posúen o dispositivo Cometa (Centro de Control de Medidas Telemáticas de Afastamento).
Tres desas vítimas incorporáronse ao sistema este ano 2021. En total, dende o inicio do ano, déronse de alta no sistema 16 casos e eses tres continúan activos.
A Unidade de Atención á Familia e a Muller (UFAM) da Policía Nacional realiza o seguimento de 52 casos, a Policía Local o de 21 e a Policía Autonómica o de 17.
Pontevedra é o oitavo concello da provincia que procede á renovación deste protocolo para poder permanecer dentro do Sistema Vioxén. O novo protocolo recolle o reparto de funcións e asignacións de vítimas entre as Forzas e Corpos de Seguridade e adecúase ás referencias normativas actuais.
A subdelegada do Goberno lembrou, así mesmo, a importancia de renovar estes acordos para que as forzas e corpos de seguridade local e estatal "poidan compartir información e recursos e establecer uns criterios básicos de colaboración e coordinación, de xeito que se garanta o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero".
Este novo protocolo "permite sumar máis efectivos e recursos á protección das vítimas", en palabras da subdelegada, que asegurou "estamos ao carón das 90 vítimas desta localidade, todas elas teñen o dereito e o noso apoio para vivir unha vida libre de violencias".
A concelleira de Protección Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, destacou que a sinatura deste protocolo permite "seguir traballando como ata o de agora desde a Policía Local, colaborando e coordinándonos coa Policía Nacional" na protección das vítimas de violencia de xénero.
"O que se trata é de seguir facendoo igual de ben e coa mesma intensidade que ata o de agora", destacou Vilaverde, que destaca que este protocolo permite acceder á base de VioXén, distribuír as vítimas para a súa protección, ter comunicación coas autoridades xudicias e facer un reparto lóxico e ordenado do traballo no sentido da protección.
Maica Larriba deixou claro o compromiso do Goberno de España contra a violencia de xénero e Eva Vilaverde insistiu no do Concello de Pontevedra, do que destacou que é "o único concello que conta cunha unidade específica de loita contra a violencia de xénero que traballa directamente co persoal do CIM e nas súas propias instalacións".
Para completar a súa adhesión, o Concello deberá asinar agora o convenio co Ministerio do Interior para o acceso ao Sistema de Seguimento Integral en casos de violencia de xénero.
O Sistema VioXén púxose en funcionamento no ano 2007 pola Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior co obxectivo de establecer unha rede nacional que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres vítimas de malos tratos, e dos seus fillos e fillas e aglutinar ás institucións públicas competentes na materia de violencia de xénero e integrar a información dos diferentes casos.
Relacionadas:
-
25N | Os axentes protectores, velando pola seguridade das vítimas de violencia de xénero as 24 horas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Detido un mozo de 18 anos por agredir á súa parella de 15, que non quere denuncialo
Por Natalia Puga |
-
Marín renova a colaboración entre as policías Nacional e Local para a protección de vítimas de violencia de xénero
Por Redacción |
-
A protección das vítimas de violencia de xénero, unha cuestión de equipo na Policía Local de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra, ante o 25N: 288 mulleres con máis dun agresor e 233 maltratadores con máis dunha vítima
Por Natalia Puga |
-
"O que nos debería preocupar moito como sociedade é como se relaciona a xente nova hoxe, como entenden a parella"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |