Marín investirá o seu remanente na reforma da Casa do Mar e na pavimentación de Ponteporto
Por Redacción
O Concello de Marín ten previsto financiar diversas actuacións relevantes para o municipio con cargo aos 4.263.527 euros do remanente de Tesourería. Dentro deses proxectos, destacan a reforma da Casa do Mar para habilitar o futuro Centro de Día ou a pavimentación de Ponteporto.
Así, o Concello destinará máis de 100.000 euros do seu remanente ao financiamento da obra de reforma do primeiro andar da antiga Casa do Mar para convertela nun Centro de Día para as persoas maiores da vila, apostando por un modelo público e de calidade para o coidade e a atención da poboación da terceira idade.
Este proxecto de obra, que procura readaptar o espazo dispoñible ás esixencias dun servizo como o que se quere prestar no futuro, realizarase ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Outra das obras nas que se investirá unha partida de 237.000 euros do remanente de Tesourería será a pavimentación da praza pública de Ponteporto, situada na Avenida de Ourense. Esta obra mellorará o aspecto visual da praza e tamén os problemas de filtracións que presenta.
REACTIVA MARÍN
A estratexia Marín Dusi está confinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e dentro dela o Concello incluíu o programa Reactiva Marín, un ambicioso proxecto de formación e profesionalización para o comercio e a hostalaría locais englobado en Marín en Rede.
Do remanente, o Concello separará 65.000 euros para facer fronte ao 20% de financiación con fondos propios que require este plan, co que se pretende axudar á economía local a gañar en competitividade, sobre todo no eido dixital, para poder afrontar os estragos económicos derivados da situación sanitaria e o cambio no modelo de consumo da clientela.
A alcaldesa, María Ramallo, destacou a importancia de "ter conseguido que os Concellos que temos unha situación equilibrada e ordenada a nivel financeiro poidamos acometer inversións financiadas co noso remanente, cos nosos aforros".
REACCIÓN DO PSOE
O portavoz municipal do PSOE, Manuel Pazos, tras coñecer que o Concello de Marín pechou o exercicio do 2020, con cero endebedamento e cun remanente de Tesourería de 4.263.527 euros, declarou que "no ano da crise Covid que provocou enormes dificultades ao comercio, a hostalería, a cultura, os autónomos e as familias, é ilóxico que o goberno local peche o ano 2020 cun superávit de 950.000 euros. Deixamos sen apoio a multitude de negocios e familias sen necesidade. Todos o están pasando mal menos o Concello que aínda por encima presume de beneficios. É unha burla e unha vergoña porque aínda por encima reclaman implicación do resto das institucións".
Relacionadas:
-
O local para acoller o futuro Centro de Día público será recepcionado en outubro
Por Redacción |
-
O Concello repara as filtracións na Praza de Ponteporto
Por Redacción |
-
Adxudicadas as obras para construír un centro de día na antiga Casa do Mar de Marín
Por Redacción |
-
Marín financiará catro proxectos cos fondos do seu remanente
Por Redacción |
-
A liquidación do 2020 de Marín péchase con cero endebedamento e un remanente de máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
Marín pide que os concellos reciban directamente a porcentaxe das axudas europeas que lles corresponde
Por Redacción |