Cuntis aspira a un proxecto singular de dinamización comercial
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, informou este sábado de que o seu Concello presentará unha proposta para a obtención dunha axuda no marco do Programa de Apoio á Competitividade do Comercio Minorista 2021 posto en marcha polo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Trátase dunha subvención financiada con fondos FEDER 2014-2020, que iría destinada á execución dun proxecto singular de modernización e dinamización do pequeno comercio.
O obxecto do proxecto que presentará Cuntis para a obtención dos fondos irá dirixido á dinamización comercial mediante a mellora e rehabilitación da área comercial urbana do casco antigo.
O obxectivo do Concello, explicou o alcalde, "é deseñar un proxecto atractivo e ambicioso co que obter o financiamento suficiente para poñer en marcha unha actuación de mellora urbana que redunde positivamente na competitividade do pequeno comercio, cuestión fundamental especialmente pola situación actual derivada da pandemia".