Libre con cargos logo de retener á forza unha prostituta en Portas
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Caldas de Reis decretou a posta en liberdade con cargos para o veciño de Portas detido na fin de semana por reter á forza na súa casa a unha muller que exerce a prostitución e á que previamente contratara servizos sexuais.
O home, R.P.F. de 39 anos, está acusado dun delito de detención ilegal por un feitos que se produciron sobre as 2.30 horas da madrugada do venres ao sábado 27 de outubro.
Unha muller pediu axuda por teléfono denunciando que estaba detida ilegalmente nunha vivenda de Portas. En concreto, na parroquia de Briallos.
Unha patrulla do posto da Garda Civil de Valla desprazouse ao lugar no que aseguraba que estaba retida. A pesar de chamar e timbrar con insistencia ninguén abriu a casa, de forma que os axentes optaron por tirar a porta abaixo para acceder ao domicilio.
Unha vez no interior, é atoparon con que R.P.F. contratara os servizos dunha prostituta para manter relacións sexuais na súa casa e, cando ela quixo abandonar a vivenda, impediullo.
Ao parecer, o dono da casa non só lle impediu irse, senón que adoptou unha actitude agresiva, de modo que a moza atemorizouse e optou por refuxiarse nunha habitación situada na planta baixa e pedir axuda. Alí estaba cando chegaron os axentes. Ela foi liberada e o seu suposto captador, detido.