Eliminado un punto de vertedura de augas residuais cara a ría de Vigo
Por Redacción
Nos últimos días, técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade eliminaban un punto de vertedura de augas residuais cara á ría de Vigo, no municipio de Vilaboa.
Persoal do Plan de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia, localizaban o foco nunha inspección rutineira pola zona. A partir dese momento, efectuaron a mostra do caudal que se vertía a través dun punto de evacuación de augas pluviais nas proximidades do porto de San Adrián.
Este foco contaminante tiña a súa orixe, segundo a Xunta de Galicia, na rede de saneamento que discorre polo lugar de Vixía, en Santo Adrián de Cobres, segundo confirmaron as analíticas tomadas polo persoal da administración autonómica no lugar onde se rexistrou a vertedura.
Desde a Consellería puxéronse en contacto co Concello de Vilaboa para que se adopten as medidas necesarias para evitar estas deficiencias. Desde o municipio levouse a cabo a limpeza da rede de saneamento.
Tras estas intervencións, o persoal de Augas de Galicia nunha nova inspección comprobaba que as novas mostras realizadas nese punto corrobaraban a ausencia de contaminación nese caudal evacuado e, por tanto, o cesamento da vertedura.