O Concello facilitará a actividade económica nas naves industriais construídas en núcleo rural
Por Alejandro Espiño
Axilizar ao máximo a posta en marcha de actividades comerciais ou de servizos nas 33 naves industriais existentes nos núcleos rurais de Pontevedra. ÿ o obxectivo dunha normativa interna, destinada aos técnicos municipais que informan os expedientes. Unha vez sexa aprobada na Xunta de Goberno, as naves industriais poderán cambiar de actividade sen maiores inconvintes que o cumprimento da normativa urbanística aplicable.
"Nace para unificar os informes dos técnicos e facer posible que unha nave poida reconverterse e poidan acoller actividades económicas ou de servizos, algo que coa normativa actual non estaba claro", explicaron o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, e o director xeral deste área, Xosé Manuel Tato. "O que se pretende desde o punto de vista político é facilitar a actividade económica nesa rede de naves que hai no concello".
Antón Louro explicou que se trata de naves, algunhas delas moi coñecidas, que foron construídas antes do Plan Xeral de Ordenación Urbana de 1989 e que, a causa dos sucesivos cambios na Lei de Ordenación Urbanística de Galicia (LOUG), quedaron nunha situación asimilable a fóra de ordenación. Entre elas, están Avícola de Galicia, Pontesa, La Luna, Avícola Lago, Comercial Vázquez ou Gasóleos Xeve.
Louro insistiu en que a Concellería de Urbanismo quere impulsar ao máximo a actividade económica e a xeración de postos de traballo e, por tanto, pretende eliminar as trabas que se derivaban dalgúns informes técnicos para a reconversión destas estruturas industriais. De feito, mesmo se teñen producido contradicións á luz da interpretación cruzada do Plan Xeral e a LOUG.
Con estas directrices, as 33 naves recoñecidas no Plan Xeral (en uso ou baleiras) poderán dedicarse a actividades comerciais, turísticas, pequenos talleres e instalacións vinculadas ás novas tecnoloxías, así como aos usos dotacionais, asistenciais ou vinculados cos servizos públicos. A nova actividade deberá ser "compatible coa edificación residencial no medio rural", é dicir, sen aumentar volumes ou producir impacto ambiental.
Antón Louro comparou esta circular interna do Concello coas actualizacións que, de xeito frecuente, se realizan nos programas e aplicacións informáticas. "Temos un Plan que xa ten uns anos e, de cando en vez, require unha actualización para casalo perfectamente coa normativa urbanística vixente", indicou o tenente de alcalde.
OUTROS ASUNTOS
Ademais, na Comisión de Urbanismo tratouse a solicitude de rehabilitación dun inmoble na rúa Filiberto, coñecida como a antiga Casa do Cura da igrexa de San Bartolomé, un edificio moi estreito de 73 metros cadrados ao que se quere dar un uso comercial; e avanzouse no convenio cun particular para rehabilitar o lavadoiro de San Mauro. A obra será executada polo Concello e financiada polo veciño, a cambio de permitirlle agrupar dúas fincas na zona.