Denuncian que no colexio 'Juan Sebastián Elcano' só ondea a bandeira de España e incúlcase "amor á patria e ás Forzas Armadas"
Por Redacción
O BNG leva ao Parlamento de Galicia o futuro do colexio 'Juan Sebastián Elcano' de Pontevedra, nova denominación aprobada polo Ministerio de Defensa para o antigo centro Salvador Moreno. Os nacionalistas piden que se faga efectiva a transferencia do centro para que pase a ser público e, ademais, que se esixa o cumprimento da lexislación relativa á bandeira, pois no exterior do edificio só ondea a española.
O deputado nacionalista por Pontevedra Luís Bará denuncia que o con esta bandeira o centro incumpre a normativa que regula o uso da bandeira española e doutras, así como a normativa autonómica na materia.
Bará valora positivamente a desaparición da denominación 'Salvador Moreno', que supoñía a homenaxe a un militar golpista e que participou activamente na represión posterior ao golpe militar de 1936, pero cre que son necesarios cambios no relativo á organización, ideario e adscrición deste centro educativo, pois denuncia que se mantén nunha situación que se podería denominar "preconstitucional" e "preautonómica".
Así, denuncia que o financiamento deste centro corre a cargo dos orzamentos do Estado, pois está sostido integramente con fondos públicos do Ministerio de Defensa, e depende da Xunta Superior de Acción Social da Armada, pero está recoñecido como un centro de ensino privado.
Sobre esta adscrición ao Ministerio de Defensa, Bará considera que é unha situación "absolutamente anacrónica" xa que as competencias educativas están transferidas á Xunta de Galiza, de maneira que non ten ningún sentido que a administración militar xestione centros de educación obrigatoria (Primaria e ESO) porque non ten competencias nesta materia. Neste sentido, o Ministerio de Defensa xa transferiu á Xunta varios centros educativos da comarca de Ferrolterra.
Ante esta situación, pide ao Parlamento de Galicia que inste ao goberno galego a demandar do goberno do Estado a súa transferencia como paso necesario para a súa integración no sistema educativo público galego.
Por outra banda, o ideario, tal e como denuncia Bará, inclúe entre os seus principios o seguinte: "O proxecto educativo inspírase nunha concepción cristiá do home e da vida". Ademais, o profesorado debe "aceptar sen reservas o ideario do colexio e actuar congruentemente co mesmo no exercicio das súas funcións docentes" a metodoloxía establece que "se inculcará unha actitude de amor á patria, á Bandeira e ás Forzas Armadas".
En tanto non se aprobe e se faga efectiva a transferencia, a iniciativa presentada por Bará no Parlamento pide a reformulación do ideario, do proxecto pedagóxico e da organización do centro para adecualo ás esixencias dun sistema democrático que garanta a aconfesionalidade e o pluralismo.
Relacionadas:
-
Piden a exclusión do colexio público pontevedrés Juan Sebastián Elcano da rede de escolas católicas
Por Redacción |
-
O colexio Salvador Moreno pasará a chamarse Juan Sebastián Elcano
Por Redacción |
-
O BNG pide ao Goberno que cambie o nome do colexio Salvador Moreno e retire a simboloxía franquista e relixiosa do centro escolar
Por Redacción |
-
Reclaman que a Xunta asuma o colexio Salvador Moreno e cambie o seu nome "franquista"
Por Redacción |