Haberá mulleres no consello da nova sociedade de fondos europeos, una rectificación "obrigada" segundo a Deputación
Por Redacción
Finalmente haberá mulleres no consello de administración da nova sociedade creada para impulsar proxectos estratéxicos no marco dos Fondos Europeos Next Generation. Así, o remarcou a Deputación de Pontevedra que destaca esta "obrigada marcha atrás" da Xunta de Galicia.
"Cando as mulleres denuncian comportamentos nos que non se conta coa metade da poboación e co seu talento non queda outra que rectificar", afirma o goberno provincial nun comunicado.
A institución provincial, que preside Carmela Silva, dá a benvida á rectificación, aínda que a considera como "un cambio obrigado pola denuncia e cunha xustificación titubeante e absurda do presidente da Xunta cando intentou explicar que a composición do consello non era definitiva cando todo o mundo sabía que si o era".
Aínda así, a Deputación de Pontevedra remitiu este luns máis dun centenar de comunicacións destinadas aos integrantes do consello de administración da sociedade creada, ás organizacións empresariais e profesionais e aos medios de comunicación para trasladar a necesidade dun compromiso real coa paridade e coa presenza de mulleres en calquera tipo de actividade que se realice.
De feito, a institución provincial, amais de solicitar a complicidade de todos os colectivos para facer esta loita de forma conxunta, pide tamén que non se participe en todos aqueles actos nos que as mulleres non estean presentes.
A Deputación remitiu igualmente un escrito a Valedora do Pobo e ao Goberno de España á quen traslada a denuncia dos feitos.