Cuntis, Caldas, Moraña, Portas e Barro realizarán estudos de viabilidade para prestar servizos mancomunados
Por Redacción
Os alcaldes de Cuntis, Caldas, Moraña, Portas e Barro volveron reunirse este luns para seguir avanzando no proxecto de creación dunha mancomunidade de municipios, un novo ente a través do que consolidar a posta en marcha de servizos públicos mancomunados ou consorciados.
Os cinco concellos valoran, segundo explicaron a través dun comunicado, que a reunión supuxo dar "un paso adiante moi importante" no obxectivo de mellorar e reforzar servizos mediante a súa xestión e prestación mancomunada.
A reunión celebrouse no salón de plenos do Concello de Moraña e asistiron os alcaldes de Cuntis, Manuel Campos; Moraña; Portas, Ricardo Martínez; e Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. En representación de Caldas participou o concelleiro Jacobo Pérez.
Todos os presentes acordaron redactar un documento no que os cinco municipios selarán o seu compromiso de implantar servizos conxuntamente. Unha vez redactado e asinado, todos pasarán a formar parte de xeito oficial desta Mancomunidade.
Tamén acordaron a posta en marcha de estudos de viabilidade técnica e económica dos servizos que se desexan mancomunar e que serían, de inicio, o de tratamento e recollida de residuos, o atención temperá -que xa se presta en común-, o de información e promoción turística no ámbito local e a promoción do emprego.
Os cinco alcaldes tamén acordaron solicitar unha reunión coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para pedir a súa colaboración e valorar diferentes fórmulas de participación da administración provincial na prestación de servizos mancomunados.
Relacionadas:
-
O Punto de Atención Temperá de Cuntis, un servizo "irrenunciable" para 60 menores da comarca
Por Redacción |
-
Achega de 25.000 euros da Xunta para a contratación dun técnico de orientación laboral en Cuntis e Caldas
Por Redacción |
-
Paso adiante para crear a Mancomunidade de Cuntis, Caldas, Moraña, Barro e Portas
Por Redacción |