Desarticulan un punto negro de venda de cocaína e heroína no centro de Marín
Por Redacción
A Policía Nacional logrou desarticular un punto negro de venda e distribución de droga que funcionaba en pleno centro de Marín e detivo os dous presuntos responsables, un veciño de Marín e unha veciña de Bueu, ambos con antecedentes policiais.
Segundo a información facilitada pola Policía Nacional, a operación policial é resultado da colaboración entre axentes da comisaría local de Marín e o Grupo de Prevención da Seguridade Cidadá da Comisaría de Pontevedra.
Os axentes estableceron un dispositivo de prevención do tráfico de substancias estupefacientes na zona centro de Marín na tarde do 8 de maio porque tiveran coñecemento de que algúns mozos acudían ao lugar para adquirir e consumir substancias estupefacientes.
En base ás devanditas informacións os axentes iniciaron as pescudas que desembocaron na incautación de varias vendas de pequenas cantidades de haxix e marihuana a outros tantos compradores. Xa o día 8 de maio, detectaron a presenza dun vehículo ocupado por unha parella que se atopaba á espera e ao que se achegou unha muller que levou a cabo unha transacción cos ocupantes.
Os axentes policiais identificaron aos dous ocupantes do vehículo e, nun cacheo de seguridade, incautáronlle varios envoltorios que contiñan unha substancia compacta de cor branca que todo apunta que se trataba de cocaína.
Os dous ocupantes, un home de 55 anos e unha muller de 43, foron detidos como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas pola venda polo miúdo de cocaína e heroína.