A hostalería de Sanxenxo recupera en xuño o seu concurso de tapas
Por Redacción
Os locais de hostalería do municipio volverán presumir de gastronomía co XI Concurso Sanxenxo Degusta Tapas que se celebrará entre o 4 e o 20 de xuño.
A cita que xa está plenamente arraigada no calendario de eventos do municipio atrasouse este ano respecto a edicións anteriores debido á pandemia, pero agora coa mellora da situación sanitaria, o Concello aposta por retomala e apoiar así a un dos sectores económico máis castigados pola covid-19.
A proposta foi ben recibida polo sector e agora os establecementos que estean interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro mércores.
Como en edicións anteriores haberá dous tipos de tapas: Tradicional e creativa. O prezo será de 2 euros e non inclúe a consumición.
Os establecementos deberán cumprir co protocolo anticovid vixente no momento do concurso.
A participación dos locais é gratuíta e os establecementos rexistrados incluiranse nun mapa de localización de todos os establecementos xunto ás propostas presentadas. O Degusta Mapa servirá de referencia ao público en xeral para situar e coñecer os establecementos candidatos, os seus horarios de degustación e a súa oferta, facilitando así a posibilidade de degustar as propostas participantes durante os días e horario previamente establecidos.
Todos os locais adheridos a Sanxenxo Degusta Tapas participarán nun concurso onde se outorgarán os premios á Mellor Tapa Tradicional e Mellor Tapa Creativa. Serán os clientes que consumisen polo menos en cinco establecementos os que poderán votar a mellor tapa en cada modalidade.
Co obxectivo de incentivar o consumo local, o concurso inclúe premios tamén para os clientes a través de distintos sorteos que levarán a cabo durante os dezasete días do concurso. O valor dos premios será maior cantos máis locais visiten e consuman.