Descobren unha suposta ladroa tras pedir a unha dependenta que lle gardase roupa roubada doutras tendas
Por Natalia Puga
Unha suposta ladroa foi descuberta nos seus delitos por cometer unha 'imprudencia' tras presuntamente furtar roupa en distintas tendas. Chegou a un comercio con bolsas cheas de pezas e pediulle a unha dependenta que llas gardase. Ao ver o interior, a traballadora sospeitou, alertou os axentes e a propietaria rematou identificada pola Policía Nacional como presunta autora de varios furtos.
Segundo informou a Policía Nacional, os feitos sucederon sobre as 15.30 horas da tarde do luns 30 de setembro. Axentes da Policía Nacional encontrábanse realizando labores de prevención da seguridade cidadá polas inmediacións da rúa Benito Corbal cando foron requiridos polo responsable dun establecemento comercial.
A dependenta relatoulles que instantes antes unha muller lle tería solicitado que lle gardase unhas bolsas de roupa que sospeitaba que puidese ser subtraída. Cando os axentes estaban coa encargada chegou á tenda a muller que deixara as bolsas e preguntáronlle polo seu contido.
Nese momento, comezou a poñerse nerviosa e a proferir insultos contra os axentes. Estes comprobaron que no interior había pezas procedentes de diferentes establecementos da zona e identificaron a muller, de 45 anos, que non puido acreditar a procedencia dos obxectos.
Os axentes interviñeron o contido da bolsa. Levaba unha camisa de cabaleiro valorada en 29,95 euros, un pantalón texano de 19,99 euros, unha camisa de cabaleiro de 25,99 euros, un xersei de 35,99 euros, dous xerseis de 29,99 e unha camiseta valorada en 15.99 euros.