Celadores do Hospital do Salnés convocan unha concentración para recuperar as súas funcións
Por Redacción
O colectivo de profesionais celadores do Salnés concentrarase o vindeiro venres 14 de maio a partir das 12.00 horas na entrada do Hospital do Salnés para visibilizar a súa desconformidade coa xestión que está a realizar o Sergas neste centro hospitalario.
O sindicato CIG-Saúde apoia esta protesta e sinala que desde o Servizo Galego de Saúde está a malgastarse o erario público. Denuncian que se contrata a dúas empresas por uns servizos que pode realizar un único celador como sucede, segundo afirman, co servizo de Información e de Seguridade de Entrada do centro hospitalario. Sinalan que no Hospital Provincial de Pontevedra, en cambio, unha única celadora realiza estas funcións.
Demandan, ademais, maior información sobre a privatización deste servizo e reclaman a recuperación das funcións no Hospital do Salnés como sucede no caso de portería e información. Tamén piden un incremento de persoal celador no cuadrante estrutural deste centro e que permanezan todos os contratos existentes na actualidade, ademais dunha persoa celadora en todas as quendas de quirófano e reforzos durante as mañás.