Primeiros pasos para un PXOM "de consenso" en Poio
Por Redacción
A mesa de traballo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) celebrou este martes a súa sesión de constitución cunha xornada na que os responsables da redacción deron conta de todo o labor feito nos últimos meses, centrado fundamentalmente na actualización de documentación, algo necesario para adaptar o PXOM ás diferentes normativas e leis que foron xurdindo nos últimos anos e que afectan de xeito directo ao plan.
Esta mesa está composta por representantes dos catro grupos da corporación, para facilitar que todos eles poidan realizar as súas propostas, melloras e cambios, de cara a impulsar un PXOM "de consenso", como buscan os dirixentes municipais, un desexo que tamén foi trasladado polo equipo redactor, que manifestou a súa vontade de acadar un acordo, así como a súa predisposición para celebrar todas as reunións que sexan necesarias para avanzar.
Por parte do goberno local participaron, ademais do edil de Urbanisno, Gregorio Agís (PSOE), o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro (BNG), a edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas (BNG), a tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE) e a titular de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante).
Os tres representantes do PP foron Ángel Moldes, Rocío Cochón e Manuel Domínguez. Completaron a configuración da mesa a arquitecta municipal, o enxeñeiro e os responsables do equipo redactor. Estes últimos foron os encargados de realizar unha exposición sobre as actuacións técnicas realizadas.
A vindeira sesión quedou fixada para o luns 24 de maio. Será entón cando, tal e como explica o titular de Urbanismo, se aborden cuestións máis específicas, que teñen que ver coa planimetría, ademais das primeiras propostas concretas dos grupos. Neste sentido, o goberno municipal insiste en que esta mesa de traballo, dependente da Comisión de Urbanismo, estará operativa ata a aprobación definitiva do PXOM.
"É a ferramenta máis axeitada de cara a acadar un plan participativo e o máis enriquecedor posible, tendo sempre en conta o que establezan os técnicos", sinala o equipo de goberno, que tamén ten claro que, segundo se vaia avanzando na elaboración do documento, poranse a disposición da cidadanía fórmulas para garantir ese proceso participativo, a través de charlas e medios telemáticos aínda por definir.
No que respecta aos prazos, o Concello confía en que antes de que remate o verán quede listo o documento ambiental estratéxico, que deberá recibir o visto bo da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Poio remite á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción |
-
Poio confía en remitir en breve á Xunta o informe de avaliación ambiental do PXOM
Por Redacción |
-
O PP ve un "paripé" a mesa do PXOM convocada en Poio, pero participará "por responsabilidade"
Por Redacción |
-
Poio constituirá o vindeiro 11 de maio a mesa de traballo do PXOM
Por Redacción |
-
Poio impulsa unha mesa de traballo para consensuar o PXOM
Por Redacción |