O TSXG confirma a condena a un home que tentou asasinar á súa muller encaixando o seu coche en Rande
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha sentenza previa da Audiencia Provincial de Pontevedra que condena a doce anos e nove meses de cárcere a un home por tentar matar á súa muller encaixando o coche no que viaxaban contra outro á altura da ponte de Rande. A parella estaba en trámites de divorcio.
A sentenza agora confirmada condena a A.M R. como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa por tentar matar á súa esposa e doutro de intento de homicidio respecto ao condutor do turismo contra o que chocou á mantenta.
O acusado recorreu e alegou que carecía de motivo para querer matala, pero os xuíces conclúen que a súa vontade homicida é "incuestionable".
A Sala do Civil e Penal do TSXG revisou a condena e concluíu que os maxistrados da Audiencia explicaron "perfectamente" os motivos polos que conclúen que si houbo ánimo de matar e que resulta relevante que o acusado se lamentou de non conseguir matar á muller, "e así o expresou de viva voz".
Respecto diso, a vítima asegurou que o acusado lle dixo que "hoxe imos morrer os dous" e púxose a buscar un camión que tivese contedora para chocar de fronte contra el ou por detrás. A muller tamén sostivo que despois do golpe o seu marido saíu do coche e, ao ver que a pesar do aparatoso do accidente ambos saíron ilesos, dixo: "saíume mal a xogada".
A sentenza recolle que un coche a máis de 120 quilómetros por hora chocando contra outro "é un instrumento apto para producir a morte dos ocupantes de calquera dos vehículos", risco que, como di a Sala, "polo menos integra un dolo eventual de homicidio". Ademais, tal e como recolle a Sala, no sinistro non houbo pegadas de freada.
Ademais, o fallo do TSXG conclúe que "o que provocou semellante determinación foi a negativa da muller para contestar á súa insistente pregunta de se lle era infiel", o que, segundo os maxistrados, "encolerizou o acusado".