Os populares sacan adiante en solitario as contas do Concello de Cerdedo-Cotobade para este ano
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O pleno da corporación municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou os orzamentos municipais para o ano 2021, co apoio en solitario do Partido Popular.
O alcalde, Jorge Cubela, manifestou á saída do pleno que lle parecía "incrible" que os concelleiros do PSdeG-PSOE e do BNG votaran en contra das contas municipais "feitas en base ás propostas dos veciños e que tamén recollían algunha realizada por los grupos da oposición".
As contas municipais acadan os 4.068.110 euros, dos cales o 35% vai destinado a servizos sociais, duplicando deste xeito a cantidade que se tiña asignada o ano pasado a este mesmo apartado. Para o alcalde "non é entendible que votaran en contra das axudas á hostalería, da construción dunha residencia e un centro de día en Carballedo e de moitos investimentos de interese estratéxico para o futuro do noso concello".
Pola súa banda o PSdeG-PSOE de Cerdedo-Cotobade denunciou que só tivo dous días para estudar o documento dos orzamentos do Concello para 2021 "tempo insuficiente e que só chegou para unha primeira análise".
Segundo a voceira socialista, Lina Garrido "non nos queda máis remedio que denunciar a opacidade e a propaganda baleira coa que se elaborou" dixo, ao tempo que criticou que este importante documento que marca a planificación económica do concello para o ano 2021, "chega xa con 4 meses de atraso, sen ningún tipo de xustificación".
Ademais, denunciou que queda case un millón de euros por debaixo do primeiro tras a fusión dos antigos concellos de Cerdedo e Cotobade.
Tamén o BNG lamentou a "falta de interese" do alcalde para chegar a acordos e lograr uns orzamentos "que servisen para mellorar a vida dos veciños e veciñas".
Para o BNG de Cerdedo-Cotobade resulta "decepcionante" que o Alcalde "obviase" o documento de propostas que lle entregaron o pasado mes de xaneiro, "e máis aínda que non chegase a reunirse co portavoz municipal dos nacionalistas Ernesto Filgueira tal e como se compremetera o propio rexedor após dos catros meses transcorridos dende a entrega do documento".
O BNG entregou ao alcalde no pasado mes de xaneiro un documento no que se recollían propostas específicas dirixidas a reflotar, ademais do sector da hostelaría, aos autónomos, pequenos comerciantes e produtores locais; ao reforzo e ampliación do departamento de servizos sociais, á creación dunha bolsa de dinamización cultural para activar as casas públicas parroquiais, a reforzar a figura de Ricardo Portela (cuxa efeméride segue sen ser celebrada), a rachar coa fenda dixital e apostar pola formación interxeracional da veciñanza no mundo tecnolóxico, a pór en marcha un programa de transporte á demanda acaído á dispersión demográfica e envellecida do concello, entre outras medidas.