Caldas reduce a 20 por hora a circulación nunha decena de rúas do centro da vila
Por Redacción
O Concello de Caldas, que xa reducira a velocidade de circulación a 30 quilómetros por hora en todas as rúas urbanas de titularidade municipal a comezos de ano, dá un paso máis na súa aposta pola seguridade viaria e a convivencia entre vehículos e peóns ao limitar a velocidade a 20 quilómetros por hora en dez rúas do centro urbano.
Oito delas verán a súa velocidade limitada por tratarse de vías de plataforma única. Son as rúas Gayoso, a parte baixa da Rúa Real, Igrexa, Laureano Salgado, Loureiros, Ovellas, San Roque e, no rural, Tivo. Ademais, outras dúas rúas que transcorren por inmediacións de centros educativos, como a Rúa dás Monxas ou Fermín Mosquera, aplican tamén estes novos límites.
A instalación das novas sinalas está completada, pero o Concello segue estudando outras rúas para coñecer a viabilidade de implantar tamén este tipo de redución.
Estes cambios están recollidos no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do municipio, que ten como obxectivo mellorar a convivencia entre os diferentes medios de transporte e os peóns. Aínda así, o goberno local espera contar coa colaboración da Deputación e do Ministerio de Fomento para lograr que as rúas da súa titularidade que transcorran por chan urbano pasen tamén a límite 30.
"A xestión da velocidade é unha das ferramentas máis eficaces para fomentar a seguridade viaria nun contexto no que se dan moitas distraccións vinculadas ao uso do móbil. Ademais, queremos que Caldas de Reis, que xa conta con moitos metros cadrados peonís, sexa unha localidade aínda máis amable co peón e se converta en todo un referente na recuperación dos espazos públicos para a cidadanía”, sostén o alcalde Juan Manuel Rey.