Sanxenxo aproba un orzamento para 2021 que permitirá eliminar a débeda a final de ano
Por Oskar Viéitez
O pleno de Sanxenxo aprobou este martes o orzamento co que contará o Concello e as empresas municipais para 2021.
A concelleira de Facenda Paula Martínez, explicou que as contas que ascenden a 31.273.861 euros que se repartirán entre a entidade local (19,2 millóns de euros), Terra Sanxenxo (5,1 millóns de euros), Turismo de Sanxenxo (2,1 millóns de euros), Nauta (2,9 millóns de euros) e Insua (1,7 millóns de euros).
Estas contas, incidiu Martínez, teñen entre os seus obxectivos "deixar a débeda a cero a final de ano".
O orzamento contou co respaldo dos dez votos favorables dos concelleiros do Partido Popular pertencentes ao goberno e co do edil de SAL, Yago Torres.
Sanxenxo pechou o ano 2020 cunha débeda de 1.795.620, e este ano está prevista unha amortización ordinaria de 570.000 euros e unha extraordinaria de 1.230.000 euros con cargo ao superávit ou remanente de Tesourería.
O orzamento inclúe unha partida de 361.000 euros de axudas directas ao sector económico e turístico. O gasto social que abarca servizos sociais, cultura, educación, deportes, medio ambiente, comercio, servizos xerais e seguridade cidadá supón o 60% do orzamento.
No capítulo de investimentos, Martínez citou algúns proxectos como a humanización da Rúa do Vento en Sanxenxo, mellora da praza Méndez Núñez en Portonovo, melloras no cemiterio de Dorrón, rede de pluviais na Lanzada, segunda fase do Pazo de Quintáns, mellora da pista Contumil, Nantes, mellora camiño de Sear, Bordóns ou o plan de asfaltados nas parroquias, entre outros.
Finalmente, Martínez apuntou que a liquidación do orzamento do ano pasado ha xerado un remanente de tesourería ou un superávit de 3,8 millóns de euros que permitirá realizar investimentos maiores e amortizar débeda.
A concelleira de Facenda tamén sinalou que o orzamento tamén permitirá "pagar a expropiación da parcela dos Rocafort sen maior dificultade e prestar os servizos de calidade que merecen os veciños e impulsar os proxectos que demandan".