Conmemoración do Día da Enfermería cun minuto de silencio polos profesionais sanitarios falecidos na pandemia
Por Redacción
Este mércores 12 de maio celébrase o Día Internacional da Enfermería e a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés quixo facer visible a "vital achega asistencial deste colectivo profesional na contención da covid-19".
Segundo os datos que sinala a xerencia, desde o inicio da pandemia este sector profesional vacinou a máis da terceira parte da poboación da súa zona de referencia. Trátase de 101.587 persoas, das que 57.874 son residentes que recibiron unha primeira dose mentres que 43.713 xa contan coa segunda vacina.
José Ramón Gómez, xerente da área, visitou nesta xornada o Recinto Feiral en Pontevedra e Fexdega en Vilagarcía de Arousa onde se realizan as vacinacións masivas de poboación e quixo recoñecer e participar na homenaxe ao colectivo profesional de Enfermería, sen o que "sería moi complicado facer fronte á pandemia global de coronavirus". Gómez Fernández agradeceu a dedicación, profesionalidade, traballo en equipo e compromiso deste sector profesional nestes momentos de crise sanitaria.
Durante esta xornada, o Consello Xeral de Enfermería de España convocou tamén un minuto de silencio en recordo de todos os profesionais sanitarios falecidos por covid e en homenaxe a aqueles que seguen loitando contra a pandemia.
Esta data de conmemoración débese ao nacemento de Florence Nightingale, unha muller recoñecida como a promotora da Enfermería moderna. Foi a creadora de práxis e técnicas que aínda son utilizadas na actualidade na actividade asistencial. Realizou numerosos artigos que permitiron a educación de futuros profesionais de enfermería, mediante a creación de institucións formativas.
Relacionadas:
-
RADIO.- A covid-19 é considerada enfermidade profesional no ámbito sanitario, por sentenza xudicial
Por Marisa Ciordia |
-
A vacina monodose de Janssen tamén se inxectará a menores de 60 anos
Por Redacción |
-
O Sergas empeza este martes a administrar a vacina de Pfizer a menores de 60 e cita a 3.900 para o primeiro día
Por Redacción |
-
Máis de 5.100 persoas maiores de 60 anos, citadas a vacinarse este luns na área sanitaria
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |