Lores, sobre as licenzas da súa casa: "Non hai ilegalidade nin irregularidade algunha"
Por Alejandro Espiño
Dous días despois de saberse que, durante 22 anos, a casa do alcalde de Pontevedra non tivo licenza de primeira ocupación, Miguel Anxo Fernández Lores quixo resolver este asunto e asegurou que "non hai ilegalidade nin irregularidade algunha" na súa actuación.
A súa, defendeu Fernández Lores, "nunca foi unha casa ilegal", xa que apuntou que ten cinco licencias concedidas e nunca se lle abriu ningún expediente de infracción. "No meu caso non hai absolutamente nada ilegal", reiterou.
"Que investiguen o que queiran porque non van atopar absolutamente nada", apuntou o rexedor pontevedrés, que insistiu en que na época na que se construíu a súa casa "non era obrigada" esta licenza de primeira ocupación.
O alcalde solicitou a licenza de obra en xullo de 1997 e a ordenanza que regula as licenzas de primeira ocupación aprobouse meses despois, en outubro de 1997, data desde a que se comezaron a pedir de maneira obrigatoria estas certificacións.
Este asunto, segundo Lores, "saltou porque son alcalde" porque a situación administrativa da súa casa "é a mesma que a de moita xente", máis de medio milleiro de casas unifamiliares no rural construídas antes de 1998 e que tampouco teñen esa licenza de primeira ocupación.
Fernández Lores, a través dun trámite que presentou a súa muller, normalizou a documentación da súa vivenda "cando se me pediu" para poder acometer unha serie de obras de reforma, momento no que se comprobou que o proxecto se correspondía coa licenza concedida.
Tras denunciar que a oposición sacara "as cousas de contexto", o alcalde subliñou que "nunca vivín ilegalmente nin irregularmente na miña casa", aínda que recoñece que non lembra por que no seu momento non pediu esa licenza de primeira ocupación.
Unha vez ofrecidas estas explicacións, o rexedor acusou ao PP de protagonizar un episodio de "marrullerismo político" que explica no feito de que a "derechona" de Pontevedra "non leva nada ben" que os nacionalistas gobernen a cidade desde hai dúas décadas.
Lores asegura ser o alcalde "máis investigado de todo o país", sen que por agora atopasen nada ilegal na súa actuación, a pesar de que, ao seu xuízo, "xa o tentaron por todos os medios". Os populares dedícanse, engadiu, "a ensuciar que algo queda".
"É unha oposición destrutiva, marrulleira e que non aporta nada máis que embarrar", concluíu Fernández Lores, que censurou este intento por "manipular" a opinión pública.
Relacionadas:
-
O Colexio de Arquitectos entra na polémica da casa de Lores e lembra que a licenza de primeira ocupación é "obrigatoria"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez esixe a dimisión de Lores por "mentir descaradamente" sobre a súa casa
Por Alejandro Espiño |
-
O PP dá por resolto o tema da casa do alcalde: "Lo grave ha sido mentir"
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo ve "sorprendente" a situación "impropia" na que estaba a casa do alcalde
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra ten 575 vivendas como a do alcalde, sen licenza de primeira ocupación
Por Alejandro Espiño |
-
Tormenta política pola casa do alcalde, sen licenza de primeira ocupación durante dúas décadas
Por Alejandro Espiño |