A subdelegada do Goberno pide prudencia nas estradas diante do incremento da mobilidade viaria
Por Oskar Viéitez
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero compareceron este mércores en rolda de prensa para facer un balance da seguridade viaria na provincia durante o primeiro trimestre do 2021. Segundo resumiu "los datos que manejamos en este momento están siendo buenos en cuanto a la siniestralidad".
Maica Larriba aproveitou a súa comparecencia para facer un chamamento á cidadanía "tenemos que seguir siendo prudentes porque se aproximan fechas en las que se va a incrementan de manera exponencial la movilización y por lo tanto no podemos bajar la guardia".
Neste balance ofrecéronse datos comparativos entre o que vai de ano e o mesmo período do 2019 "ya que si tomamos como referencia el año pasado tendríamos una distorsión muy importante por los efectos que tuvo el confinamiento sobre la movilidad", aclarou a subdelegada.
Respecto a as vías interurbanas, o número de accidentes con vítimas entre o 1 de xaneiro e o 6 de maio na provincia de Pontevedra reduciuse nun 33%. Os falecidos pasaron de 11 a 7 persoas, o que supón un descenso do 36%. Tamén se reduciu o número de feridos graves cun descenso do 50% e en canto aos feridos leves "han caído un 40%".
Os datos achegados á Subdelegación do Goberno por parte das distintas policías locais con respecto ás vías urbanas son aínda provisionais "pero si que podemos adelantar que el número de accidentes con víctimas se mantiene igual, pero los fallecidos pasa de 3 a 2" indicou Maica Larriba. Durante este mesmo período do ano pasado os falecidos en vías urbanas foron 5 persoas "a pesar de las restricciones de la movilidad". Por último, a subdelegada informou que os feridos graves tamén se reduciron nun 50%.
VELOCIDADE 30
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba tamén lembrou que, desde este martes 11 de maio, a velocidade de circulación en vías urbanas baixou aos 30 quilómetros por hora con carácter xeral.
Larriba insistiu en que esta medida persegue o claro obxectivo de reducir a mortalidade e a sinistralidade viaria, garantir a fluidez dos desprazamentos e reducir o impacto negativo da circulación de vehículos na calidade do aire.
A subdelegada fixo súas as palabras do ministro de Interior, Fernando Grande- Marlaska cando destacou que a limitación da velocidade urbana "pone a España a la vanguardia de un movimiento global que quiere que nuestras calles sean calles de vida".
Maica Larriba sinalou que o concello pioneiro en implantar esta redución da velocidade foi Pontevedra no ano 2010 e cun éxito que fai da Boa Vila leve máis dunha década sen atropelos mortais no seu centro urbano.
Finalmente, Larriba incidiu en que Nacións Unidas integra a seguridade viaria na súa Axenda 2030 para os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ( ODS), e que recomendou a limitación da velocidade urbana a 30 km/ k na Declaración de Estocolmo de febreiro de 2020.