Un sapoconcho para achegar o Xacobeo e o Camiño Portugués da Costa aos escolares
Por Natalia Puga
Entre o 18 de maio e o 17 de xuño, dez centros educativos situados na ruta do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa achegaranse ao Xacobeo e todo o que representa a conmemoración do Ano Santo 2021 dun xeito lúdico da man do proxecto 'Vexo, Veo Xacobeo'.
O encargado de levar o Xacobeo aos centros será un sapoconcho, mascota do proxecto, que acompañará á narradora Raquel Méndez e dará a coñecer aos escolares as particularidades das rutas xacobeas. En total, manterá encontros con arredor de 250 escolares de 3 a 8 anos de colexios de A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Tui, O Porriño, Mos, Redondela, Caldas de Reis e Valga.
O obxectivo é divulgar, sensibilizar e promocionar os Camiños de Santiago e o Xacobeo, a través do conto, a lectura e a teatralización. Farao posible Raquel Méndez, que adoptará o papel dunha mercader que amosa os seus produtos aproveitando as rutas do Camiño e coñece peregrinos que lle contan as súas historias.
Facendo o Camiño Portugués da Costa, esta mercader coñeceu a Sapoconcho e aproveitou a súa amizade para acudir con el aos centros educativos e dar a coñecer o Xacobeo, compartindo con escolares de Infantil e primeiro ciclo de Primaria historias e experiencias de peregrinos.
Como resultado destas visitas polos dez centros, faranse entrevistas aos alumnos participantes e realizarase un video en cada colexio. Todo ese material incorporarase nunha páxina web do proxecto co obxectivo de poder compartir como material didáctico cunha mirada no futuro.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, presentaron o proxecto este mércores na Casa das Campás de Pontevedra acompañados pola propia Raquel Méndez e o vicerrector do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto. Tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
Na súa participación na presentación, Nava Castro cualificou este proxecto como "moi ilusionante" e que permitirá "dar a coñecer o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa". Na súa opinión, "o que non se coñece, non se pode protexer, amar nin promover", por iso é importante poñer en marcha proxectos desta natureza que contribúen á recuperación do patrimonio inmaterial e achegar o intercambio cultural a través da tradición oral.
José Luis Mira destacou a importancia do uso do Camiño de Santiago como ferramenta didáctica "para divulgar e promover o coñecemento dun dos nosos patrimonios inmateriais máis célebres".
Jorge Soto destacou a importancia de proxectos coma este para "situar a cultura galega no epicentro do Xacobeo" e o papel das rutas xacobeas como nexo que puxo a Galicia en contacto co resto do mundo e que moitas veces aproveitaron autores e autoras galegos na súa creación literaria.
'Vexo,Veo Xacobeo' forma parte da programación da Xunta de Galicia para o Xacobeo 21-22 e nace este ano 2021 como un proxecto piloto que de cara a anos posteriores se incluirá no Plan Proxecta, que chegará a 139 centros educativos.
Relacionadas:
-
Un grupo de 70 "peregrinos escolares" do colexio Xunqueira 2 descobren os valores do Camiño a Santiago
Por Oskar Viéitez |
-
Usuarios de Cruz Vermella percorren a pé o Camiño Portugués entre Pontevedra e San Amaro
Por Redacción |
-
Poio estará presente en FITUR
Por Redacción |
-
Román Rodríguez destaca a "crecente relevancia" de Pontevedra e o Camiño Portugués no "panorama xacobeo"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada