Arrestan un home en Mourente por intentar agredir cun machado unha parella na súa propia casa
Por Natalia Puga
Un veciño de Pontevedra de 48 anos rematou o venres 27 de setembro nos calabozos por un intento de agresión tras presuntamente ter intentado danar cun machado unha parella na súa propia vivenda na parroquia de Mourente.
O home foi detido pola Policía Local sobre as 17.50 horas da tarde nunha vivenda do lugar de Casas Novas, en Mourente. Na casa conviven o amigo do detido e unha parella.
Segundo indicou a Policía Local, o detido foi á casa para visitar o seu amigo e, por motivos que se descoñecen, comezou a discutir coa parella (un home e unha muller) coa que vive. No medio da discusión, supostamente colleu un machado na man, intentou agredilos e ameazounos.
Nese momento, a muller chamou á Policía Local e o amigo conseguiu quitarlle o machado da man para evitar a agresión. Pouco despois chegou a Policía Local, entrevistouse coas presuntas vítimas e detivo o suposto autor do intento de agresión.