O ruinoso mercado de Cantodarea será demolido e transformado nun espazo verde
Por Redacción
O Concello de Marín vén de aprobar o proxecto de demolición do antigo mercado de Cantodarea, que leva décadas nun estado de ruína. Tras a derruba do inmoble, o Concello pretende gañar un novo espazo verde de esparexemento para a veciñanza da zona.
A construción deste edificio proxectouse en 1964 para albergar o mercado de abastos, pero nunca chegou a ter ese uso. Consta dunha planta de baixo rasante, unha planta baixa e outra alta. A estrutura está formada por muros de formigón e piares, con vigas e losas.
O consistorio marinense iniciará o procedemento de licitación cun prezo base de case 140.000 euros, unha inversión que se realizará con cargo ao remanente de tesourería co que conta o goberno local, que se está a repartir en distintas actuacións relevantes para a vila.
Son os casos desta demolición e urbanización do espazo, a reforma do primeiro andar da Casa do Mar para convertela nun centro de día, a pavimentación de Ponteporto ou o programa de formación para a economía local, Reactiva Marín.
O Concello de Marín avanza que este proxecto está na liña da súa loita contra o feísmo e suporá un importante cambio na imaxe desta parte de Cantodarea, no límite con Pontevedra, xa que coa demolición do antigo mercado iniciarase un proceso de urbanización e embelecemento da praza.
Previamente, dado que o edificio conta cun soto, será preciso realizar un recheo para chegar á altura da beirarrúa.
Relacionadas:
-
O atraso na demolición do Mercado de Cantodarea, un problema para os veciños
Por Redacción |
-
Adxudicada a obra de demolición do antigo Mercado de Cantodarea
Por Redacción |
-
Marín financiará catro proxectos cos fondos do seu remanente
Por Redacción |
-
María Ramallo reúnese con representantes da Asociación Veciñal A Fonte
Por Redacción |