Bicos solidarios para conmemorar o día do neno hospitalizado
Por Redacción
Bicos solidarios repartidos polo Hospital Provincial conmemoraron este xoves o Día do Neno Hospitalizado, unha iniciativa que cada ano pon en valor o esforzo de humanización que permanentemente efectúan os profesionais sanitarios, voluntarios e docentes para facer máis confortables e amenas as estadías e ingresos dos meniños nos centros hospitalarios da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Entre as actividades que o persoal da área de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra levou a cabo para conmemorar esta xornada destacan o lanzamento de bicos ás 12 horas cos nenos que poideron facelo, así coma a conexión on line dunha videochamada que fixeron coa embaixadora da Fundación Atresmedia Eva González, a cantante Conchita e o grupo Bombai, que puxeron música e agarimo á celebración sumándose a esta conexión tan especial.
Neste senso, a conmemoración do Día do Neno Hospitalizado tamén contou coa interpretación da canción ‘Un bico redondo’.
Así mesmo, durante esta celebración no Hospital Provincial de Pontevedra procedeuse á lectura dun manifesto para seguir reivindicando a importancia de que esta xornada apareza no calendario de celebracións e que desde o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social declaren oficialmente o 13 de maio como Día Nacional do Neno Hospitalizado.
Así mesmo, na aula de actividades da área de Pediatría-Escolares do Hospital Provincial efectuáronse artesanalmente uns recortables en forma de bicos co logotipo do Día do Neno Hospitalizado e enviáronse mensaxes en redes sociais.