O PP esixe á Deputación a mellora da EP-0508 ao seu paso por San Amaro
Por Redacción
O Partido Popular de Barro denuncia unha vertedura de augas fecais na EP-0508, en San Amaro. Unha queixa que os populares unen ás súas reclamacións pola falta de seguridade viaria que sofren os veciños e usuarios desta estrada provincial, que non chega aos catro metros de ancho, sen beiravías para que circulen os peóns e con desniveis ao carón da estrada que fan que en condicións de pouca visibilidade, unha saída da estrada poida provocar importantes danos.
Os concelleiros do grupo municipal, xunto a deputados provinciais do PP e membros da plataforma de veciños de Portela, comprobaron “a situación tan desagradable dunha estrada pola que transitan a diario veciños de dous núcleos de poboación, e que tamén forma parte do Camiño xacobeo”.
Para o portavoz do grupo provincial, Jorge Cubela, “esta estrada é outro exemplo do abandono que están a sufrir os veciños de Barro e do rural da provincia con esta Deputación de Pontevedra”. Así, cuestiona que “cos millóns de euros que teñen de orzamento e cos aforros que hai na caixa, é incomprensible que teñan estradas neste estado de inseguridade e insalubridad".
Por iso, reclaman unha solución urxente. “Hai espazo suficiente para facer canalizacións, meter recheos, ampliar a estrada e crear zonas seguras para os peóns”, defende José Suárez, o portavoz local do partido, que acusa o alcalde de “consentir” esta situación.
Pola súa banda, Esther Fontán, coordinadora da plataforma de veciños dixo que senten “discriminados” e lamenta que a EP-0508 continúe neste estado “tan deplorable, unha verdadeira vergoña para a imaxe de Barro”.