Vinte e sete menores están á espera de ser acollidos por unha familia pontevedresa
Por Oskar Viéitez
Cruz Vermella en Pontevedra conta cunha rede de 98 familias acolledoras e, a día de hoxe, na provincia hai 49 menores que están a ser acollidos mentres que outros 27 están en espera de acollemento e entre eles hai 6 grupos de irmáns e nenos con necesidades especiais.
A protección á infancia é outro dos grandes compromisos da Cruz Vermella e con motivo do Día Internacional da Familia, que se celebra o 15 de maio, esta organización quere poñer en valor o acollemento familiar como alternativa para apoiar á infancia e a aqueles pais e nais que atravesan situacións de dificultade e non poden facerse cargo dos seus fillos.
Cruz Vermella xestiona o programa de Familias Acolledoras en colaboración coa consellería de Política Social da Xunta de Galicia, concretamente na modalidade de familia allea. A finalidade é que mentres se solucionan ou se melloran as condicións na familia de orixe, os nenos poidan permanecer de maneira temporal con familias acolledoras. Os acolledores e acolledoras encárganse de proporcionarlles o agarimo, os coidados e a seguridade que precisan.
Desde a Cruz Vermella sinalan que "grazas ao seu compromiso e implicación é posible desenvolver este programa" polo que destacaron a importancia de que esta rede "siga crecendo para poder dar a resposta idónea aos diferentes casos que se presentan".
O perfil das persoas acolledoras é moi variado e calquera pode presentar o seu ofrecemento, con independencia do seu estado civil, número de fillos ou relixión.
"Buscamos persoas capaces de acoller no seu fogar a un ou máis nenos e de compartir con eles a vida familiar", indican os responsables deste porgrama na Cruz Vermella.