A pandemia dispara a demanda dos servizos de SmartPeme en Pontevedra
Por Redacción
O programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra, que busca o crecemento empresarial a partir do uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), recibiu un importante pulo derivado da pandemia da covid-19 e a oficina de Pontevedra multiplicou por seis as súas cifras anuais en 2020.
O programa de apoio da Deputación acolle xa a 285 'pemes' da comarca pontevedresa arredor do seu punto local, un dos sete que conforman a rede provincial, e o balance anual revela un espectacular crecemento na asistencia aos obradoiros de formación.
A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, fixo balance duns números de récord, pois a sede pontevedresa contou coa participación de 1.856 persoas (un 579% máis) nos 70 obradoiros organizados ao longo do ano de comezo da crise sociosanitaria, o que supón unha participación media superior ás 26 persoas, a maior de toda a rede e moi por enriba da media total de 20 persoas por curso.
A pandemia obrigou a cambiar o formato dos talleres, que pasaron de ser presenciais a telemáticos e de contar cunha media de 8 persoas por curso a 20. Segundo explicou Ana Mejías, os resultados son froito de varios factores: a caída da barreira da presencialidade nas actividades formativas, a maior demanda derivada do parón na actividade produtiva e un maior interese polas TIC no marco dun cambio na cultura organizacional das empresas, cada vez máis orientada ao teletraballo.
No que vai de ano 2021 o punto SmartPeme de Pontevedra acumula xa 408 persoas participantes nos 11 obradoiros realizados (elevando xa a media de persoas interesadas por curso ata preto de 40 persoas) e 169 asesoramentos individualizados a 89 empresas, das que seis son novas incorporacións a un servizo que non para de medrar.
Mejías engade que as cifras anuais da oficina de Pontevedra, o igual que as do resto da provincia, confirman o "acerto" que foi a creación de SmartPeme como ferramenta de empoderamento tecnolóxico ao servizo do tecido empresarial da provincia e moi especialmente das persoas autónomas e micropemes, que son quen máis o necesitaban.