La Pomada ensaiará a reapertura do lecer nocturno o 12 de xuño e cun aforo do 50%
Por Manu Otero
A proba piloto para a reapertura do lecer nocturno levarase a cabo o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de Galicia. O local elixido na provincia de Pontevedra é La Pomada, que realizará a proba cun aforo máximo do 50% no interior e 75% en terraza.
Os detalles deste ensaio concretáronse este venres nunha reunión con representantes do sector na que participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Para poder participar nesta proba, os clientes deben contar cunha invitación previa e unha PCR negativa. Ademais o uso de máscara no interior dos locais será obrigatoria. Pola súa banda, a separación mínima de 1,5 metros entre mesas e entre persoas debe estar garantida e os establecementos participantes deberán pechar as súas portas á 1 da mañá.
Os responsables dos locais deberán declarar e exhibir a ocupación máxima, así como levar un control e rexistro dos clientes que terán que conservar durante tres meses para poder ser localizados en caso de brote. Tamén deberán garantir a correcta ventilación empregando aparellos medidores de dióxido de carbono.
Esta proba piloto permitirá obter datos en varios establecementos e o seu estudo facilitará mellorar as medida para a reactivación do lecer nocturno cando se dean as circunstancias. Explican desde a Xunta que a finalidade deste plan é protexer a traballadores e clientes reducindo as posibilidades de contaxio. Para paliar as perdas das empresas, que levan máis dun ano pechadas, o goberno autonómico habilitará unha axuda exclusiva para o lecer nocturno dotada con 4 millóns de euros.
Os outros locais seleccionados son: Sala Pelícano da Coruña, Sala Capitol de Santiago de Compostela, Tokyo, en Vigo; Anagrama, en Lugo; e Miudiño en Ourense.
Relacionadas:
-
O conselleiro de Sanidade ve con optimismo a reapertura do ocio nocturno o vindeiro 1 de xullo
Por Redacción |
-
Comeza a reactivación do ocio nocturno
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Todo listo na Pomada para o reinicio do lecer nocturno este sábado
Por Manu Otero |
-
O plan de Sanidade para o lecer nocturno: prohibido bailar e abertos ata as dúas da madrugada
Por Alejandro Espiño |
-
Marín acollerá unha verbena piloto o 19 de xuño coa orquestra Marbella
Por Oskar Viéitez |
-
La Pomada porá a proba as medidas para a reapertura do lecer nocturno
Por Redacción |
-
Un ano sen lecer nocturno en Pontevedra: os primeiros en pechar, os últimos en abrir
Por Manu Otero & Mónica Patxot |