'A diversidade sexual e de xénero nas aulas' centrará un congreso que se celebrará o 29 de maio
Por Redacción
A Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra promove un ano máis a reflexión sobre a diversidade sexual e de xénero no eido educativo coa organización da terceira edición do congreso de Pinto e Maragota, que se celebrará o sábado 29 de maio no Salón de Actos do Pazo da Cultura.
A xornada formativa, desenvolverase coas limitacións de aforo fixadas pola situación sanitaria existente, agardando que se poida dispoñer dunhas 40 prazas. As inscricións no evento poderán realizarse mediante a dirección de correo electrónico info@pintoemaragota.gal, mentres que a matriculación de docentes en activo efectuarase a través do Centro de Formación e Recursos (CFR) co código P2002204 (tanto o CFR como o Centro de Información á Muller colaboran difundindo e certificando a asistencia).
O III congreso 'A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia Pendente?' iniciarase ás 10:00 horas cunha presentación da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, na que a socialista incidirá sobre a importancia e a necesidade de educar na diversidade.
A continuación o asesor xurídico da Asociación de Familias de Menores Trans Arelas, Miguel Vieito, falará sobre o posible impacto a Lei Trans no eido educativo, mentres que arredor das 11:30 horas a sexóloga Martina González Veiga desenvolverá unha charla titulada 'Do que non se fala, pero existe: consecuencias psicosexuais'.
Para as 12:45 horas está prevista unha mesa redonda na que, baixo o título 'Experiencias Trans-Formadoras', se exporán os casos de éxito do tratamento da realidade LGTBIQA+ no IES Johan Carballeira de Bueu e o CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña).
O programa da xornada de formación seguirá xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, coa celebración dun encontro lector coas escritoras María Reimóndez, gañadora da I edición do Premio Literario Pinto e Maragota coa obra Cobiza (Editorial Xerais), e Nee Barros, autor da obra Identidade (Editorial Galaxia).
En torno ás 17.15 horas proxectarase o documental Persoas S.A., centrado no mundo rural e que aborda os logros acadados polo colectivo LGTBI en Galicia e os seus deberes pendentes, abríndose ao final do mesmo unha conversa coa súa directora, Carme PG Granxeiro.
Äs 19.15 horas haberá un espectáculo de fusión drag-folk protagonizado pola drag pandereteira Meiga-i, que someterá ao público a un exame sobre diversidade a través do folclore.
Relacionadas:
-
A memoria e a realidade LGTBIQ+ chega a catro institutos da cidade con 'Identidade' e Nee Barros
Por Redacción |
-
As experiencias 'Trans-Formadoras' nas aulas, a debate no Pinto e Maragota 2021
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Os Vermús de Pinto e Maragota regresan cun encontro lector protagonizado por Nee Barros
Por Redacción |