Dron policía para tentar localizar a orixe do incendio da avenida de Uruguai
Por Redacción
O perigo de derrube e as dificultades de investigación que adoita entrañar un incendio levaron esta semana á Policía Nacional a reforzar os seus recursos e utilizar un dron para investigar a orixe do incendio ocorrido o pasado domingo nunha casa abandonada da avenida de Uruguai.
Especialistas da Unidade de Medios Aéreos da Policía Nacional desprazáronse desde Vigo este xoves para realizar unha inspección ocular do edificio en colaboración con axentes da Brigada de Policía Científica de Pontevedra.
O obxectivo da inspección foi localizar o foco ou focos de inicio do incendio, que se produciu sobre as 6.30 horas de madrugada nesta vivenda, situada xusto detrás da vivenda na que residiu o profesor Xosé Filgueira Valverde na rúa Arcebispo Malvar.
O dron policial captou imaxes aéreas e logrou acceder a zonas remotas de difícil visión, permitindo, ademais, evitar a situación de perigo que supoñería para os axentes especializados en investigación de incendios ter que acceder ao interior da vivenda, que está abandonada e presenta risco de derrube.
Coas imaxes captadas cos drons e o resultado do labor dos axentes sobre o terreo elaborarán un informe para determinar a orixe e causas do lume.
Os primeiros indicios sinalan a que o lume puido orixinarse debido a que esta casa é utilizada por un indixente para durmir e habitualmente acende unha fogueira para quentarse, aínda que todas as hipóteses seguen abertas.
Os axentes da Brigada Provincial de Policía Científica teñen entre as súas funcións investigar as causas e orixes de incendios e explosións de gran relevancia e complexidade investigadora. En Pontevedra foi notoria a súa participación na investigación do incendio iniciado no local da Moda Ideal que destruíu un edificio dos Soportais da Ferrería e tamén no declarado nun estaleiro dos Praceres.
É habitual que elaboren informes periciais que moitas veces acaban sendo probas claves en xuízos e moitas veces teñen que recorrer ao uso de ferramentas especializadas ou drons para o acceso a zonas de difícil visión ou captación de imaxes para a súa posterior análise no laboratorio.
Precisamente en agosto de 2017 tamén se rexistrou un incendio na vivenda na que residiu Filgueira Valverde, un edificio protexido por Patrimonio. Naquel momento, as investigacións sinalaran que se trataba dun lume intencionado con tres focos de orixe.