A Escola do Vao pon a punto da súa horta ecolóxica
Por Redacción
A Escola Infantil do Vao súmase aos centros educativos de Poio que xa contan cunha horta ecolóxica.
A mestra composteira do Concello traballou co alumnado ao longo dos últimos días para poñer en marcha esta iniciativa, pensada para fomentar entre as crianzas valores como o coidado medioambiental, a través de métodos como a compostaxe ou a alimentación saudable.
Ao longo dos últimos días, o alumnado da escola unitaria poiense traballou con ilusión na posta a punto deste espazo ao aire libre. Seguindo as directrices da mestra composteira, procederon a plantar todo tipo de especies, desde tomates cherri a perexil, berzas ou cabazas. Ademais, tamén se procedeu á semente de xudías, para que as crianzas teñan ocasión de controlar o seu crecemento, cos coidados axeitados.
O Concello de Poio ten clara a importancia deste tipo de actuacións á hora de concienciar ás novas xeracións sobre a necesidade de respectar o planeta, de aí que na súa folla de ruta se inclúan actividades deste tipo. A meta é que todos os centros educativos do municipio poidan contar nun futuro próximo tanto cunha horta ecolóxica como cun composteiro.