Caldas avanza con Fomento en proxectos de utilidade veciñal para o municipio
Por Redacción
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; o concelleiro Jacobo Pérez; o responsable da sección técnica do Ministerio de Mobilidade, Transportes e Axenda Urbana en Pontevedra, Carlos Basoco; e o responsable territorial de estradas, Pablo Domínguez, reuníronse esta mañá para concretar avances en diferentes proxectos de utilidade veciñal como a creación de emprego e o desenvolvemento industrial.
Durante a reunión, Rey destacou o "interese por parte de diversos promotores empresariais para medrar na nosa vila duplicando incluso a súa actividade" o que se traduce en maior actividade económica e mellores datos emprego. Tamén analizaron os avances no polígono de Veigas de Almorzar e puxeron en común as diferentes directrices a seguir para completar o desenvolvemento urbanístico do parque, situado en plena N-640.
Co Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) contemplan a construción dun treito principal de calzada de dous carrís entre a glorieta do tanatorio e a de Clesa, con vías de servizo, novas beirarrúas e unha mediana.
Crearanse dúas novas rotondas para facilitar os movementos nas diferentes interseccións e executarán un novo treito inicial entre o paso baixo da AP-9 e a glorieta de Clesa cun carril de 3,5 metros e beiravías de 1,8. As novas vías de servizo permitirán a conexión funcional e accesible ás fincas lindeiras.
Por outra banda, abordaron o desenvolvemento do sector onde está Congelados Clavo e que se ve afectado pola N-640. Desde Fomento comentaron a necesidade de concretar algúns parámetros técnicos para que haxa avances importantes.
Finalmente, trataron a solicitude de reversión ao Concello duns terreos con máis de 6 hectáreas de superficie situados no lugar de Reiris, na parroquia de San Andrés, que se utilizaron como lugar de acopio cando se construíu a variante de Caldas e que actualmente quedaron sen uso.
O Concello quere desenvolver na zona un novo proxecto de utilidade pública e veciñal xa aprobada polo pleno e enviada a Fomento.
Relacionadas:
-
O Ministerio licita a redacción do estudo informativo do variante oeste de Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |
-
O Estado elaborará en 2022 o estudo para a variante oeste de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas investirá preto de 200.000 euros no saneamento do lugar de Paraimas
Por Redacción |
-
O plan de expansión de polígono de Veigas de Almorzar avanza na súa tramitación
Por Redacción |