A área sanitaria confirma dous pacientes máis no hospital e 10 novos positivos nunha xornada con 1.001 PCR's
Por Natalia Puga
Dous pacientes máis no hospital e 10 novos positivos. Este é o balance da evolución da covid-19 este luns 17 de maio na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, como resultado dunha xornada na que se realizaron 1.001 probas PCR's.
Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, este luns hai na área sanitaria 29 pacientes hospitalizados, dous máis fronte aos 27 do domingo, pero a mesma cifra que o sábado. Desta maneira, confírmase a tendencia a pequenos cambios na situación dos hospitais que se detecta desde hai días.
Non hai cambios na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo, con nove pacientes ingresados. Si hai dous máis en planta de hospitalización, 20 en total. Son 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 7 no Hospital do Salnés. Son xusto as mesmas cifras que o sábado 15.
Ademais, hai outros 397 pacientes con síntomas leves ou asintómaticos que se recuperan na súa casa, de maneira que, en total, hai 426 casos activos de covid-19.
Son 26 casos activos menos que o domingo despois de detectarse 10 novos positivos a través de PCR's e probas de antíxenos e de darse 36 altas a pacientes xa curados.
Desde o inicio da pandemia curáronse 13.436 pacientes e faleceron 175 na área sanitaria. En total, realizáronse 229.031 probas PCR.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
A nivel autonómico, segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, este luns hai 2.789 casos activos de coronavirus en Galicia despois de detectarse 107 novos casos nunha xornada. Son 43 casos activos menos que o domingo.
Do total de pacientes positivos, 37 están en UCI, dous máis que o domingo; e 139 en unidades de hospitalización, un máis nunha xornada. Outros 2.613 recupéranse no domicilio.
Por áreas sanitarias, só aumentan os contaxios en Ourense, con 223 casos activos, 12 máis que o domingo. En Ferrol non hai variacións, con 87 casos activos, e no resto de Galicia baixan os positivos. En Vigo hai 828 casos activos (-21), na área de A Coruña son 626 (-2), en Pontevedra son 426 (-26), en Santiago hai 424 (-4) e en Lugo son 175 (-2).
Polo de agora, en Galicia hai un total de 119.772 persoas curadas, 2.403 faleceron pola enfermidade e xa se administraron 1.607.310 doses da vacina contra a covid-19. O número de PCR realizadas é de 2.174.358.
Relacionadas:
-
Crecen de novo os casos activos por covid-19 ata os 433, tras 29 novos contaxios nun día
Por Alejandro Espiño |
-
A área sanitaria ten 452 casos activos por covid-19, 27 deles pacientes hospitalizados
Por Alejandro Espiño |
-
Caen os casos activos por covid-19 ata 458 e os hospitalizados baixan a 29
Por Alejandro Espiño |
-
Unha muller de 102 años, vítima 175 da pandemia na área sanitaria, falece no Hospital do Salnés
Por Alejandro Espiño |