Unha marinense corre Pontevedra-Santiago dun tirón para apoiar a investigación en esclerose múltiple
Por María José Pita
Quedan apenas dous días para que se peche a recadación de fondos da Campaña Kilómetros a favor de la esclerosis múltiple: 1 km - 1 euro, que puxo en marcha Raquel Carragal.
O pasado sábado, a marinense realizaba o reto que foi o motor desta iniciativa: "unir Pontevedra -Santiago de Compostela correndo para recadar fondos para a investigación da esclerose múltiple e axudar a atopar unha curación á enfermidade", como explica na web do proxecto.
Raquel, por que este proxecto en favor da Fundación GAEM, Grupo de Afectados de Esclerose Múltiple?
Eu son readaptadora deportiva, aquí teño un centro en Marín que se chama Aläia. E teño varios clientes que teñen enfermidades neuromusculares, persoas que tiveron un ictus, enfermidades por exemplo mitocondriales, miopatías inflamatorias... E entre estas tamén pacientes con esclerose múltiple. Hai un caso moi especial que é un mozo de 47 anos que levo traballando con el case un ano e que neste tempo tivo moita mellora.
Pódoche dicir que hai un ano non era capaz de baixar unha escaleira e agora xa o conseguimos. É ser un pouco autosuficiente dentro do que a enfermidade nos permite. Entón esta iniciativa era un pouco un empuxón para dicirlle que imos saír adiante, porque eu creo que na investigación está a esperanza. Só en España hai 55.000 persoas con esclerose múltiple e, nestes tempos, falta financiamento e as investigacións están moi limitadas. Así que pensei en achegar o meu graniño de area.
Teño entendido que cando pensaches o reto o teu obxectivo era máis modesto.
Cando empecei puxen a cifra para recadar de 100 euros, porque entendo que estamos nunha situación económica difícil para a xente coa pandemia, e cal foi a miña sorpresa que cando levaba 4 ou 5 horas xa estabamos en 300 euros. Entón foi cando me dixeron que poderiamos poñer mil euros, que é a seguinte pinza, e veña, a ver se o conseguimos.
Para animar as doazóns decides correr sen parar entre Pontevedra e Santiago, polo Camiño Portugués, o pasado sábado 15 de maio, un día ademais que amenceu con temporal.
Aínda que pareza raro, eu son moi boa galega e encántame correr con choiva. E canto peor tempo faga para min é máis rock and roll. Sabía que ía facer mal tempo e así foi, e goceino moitísimo. Saín cedo de Pontevedra, ás 6 e pico da mañá e fun soa. Cada 6 ou 7 quilómetros o meu marido ía en coche e onde podía me esperaba co coche aberto por se eu necesitaba recargar algo, comida ou auga.
O que levo sempre cando fago percorridos longos é plátano, laranxa, chocolate, froitos secos e mel. Ata Caldas chovía suave, era poalla así que bastante ben. E a partir de aí houbo unha chea de vento e choiva e non parou. Tamén me atopei algún peregrino. Para min en parte era como facer un camiño para min soa, un reseteo de todo este ano de pandemia, as preocupacións de levar o negocio, todo.
Como superaches ese último treito, que tamén prevías complicado polo cambio de terreo?
O último tramo, que é Padrón-Santiago, para min é o máis duro porque hai máis estrada, asfalto, non é bosque como o camiño anterior. Pero mentaliceime tanto de que ía ser moi duro que ata se me fixo curto. Cando cheguei a Santiago, a quilómetro e medio da Catedral nin me cría que xa estivese alí e aproveitei para gravar uns vídeos e dediqueillos ao meu marido, aos meus fillos e á miña nai. Fixen o último quilómetro e medio chorando de emoción ata que cheguei ao Obradoiro.
E todo ese percorrido de 70 quilómetros fixéchelo de un tirón.
Ao final fixen 8 horas 47 minutos correndo, non parei, só para coller un plátano ou beber, nin sentarme nin nada, e a verdade que moi ben, sentinme fenomenal, non tiven ningunha dor nin nada polo estilo e goceino moitísimo, para min foi un agasallo facelo, volveríao facer cos ollos pechados, por esta ou por outras causas. Eu só poño pernas e corazón, o mérito teno a xente enferma que todos os días se levanta e ten que loitar contra a enfermidade. Eses si que teñen mérito, non eu que vou un día correndo.
E de entre esas persoas hai unha especial, o paciente con esclerose múltiple que mencionaches.
A primeira persoa que o soubo foi el, porque eu levaba un tempo preparando o reto, pero non quixen dicilo ata estar preparada. Escribinlle a semana anterior un whatssapp e díxenlle: "sabes que o sábado fago un reto, que vou a Santiago correndo?". E el vacílame: "ti está tola". E contéstolle: "agora vas saber a causa, e mandeille o cartel". A súa resposta foi: "non existe un emoticono aínda para agradecerche o que fas". E logo a súa familia tamén me escribiu para agradecerme o que estaba a facer con el.
A miña sorpresa tamén foi cando me empezou a escribir xente con esclerose, ou con amigos ou familiares, que me daban as grazas, por darlles visibilidade. Mesmo nenos que me trouxeron diñeiro da hucha para doar. E o sábado ía recibindo mensaxes que non podía contestar porque ía correndo pero si os lía e emocionábame a xente animando, mesmo persoas que nin sequera coñecía. E dábame un subidón.
Con tantas emocións, non se se é o momento de preguntarche se te veremos en novos retos ou aínda tes que repousar esta experiencia.
Sempre digo o mesmo, pequenos movementos locais é o que xera cambios a nivel global, e se todos sumamos conseguiremos axudarnos uns a outros, que ao final é do que se trata. Ao día seguinte do reto escribíronme persoas que se ofrecían a acompañarme se o repetía o ano que vén. Ademais tiven a sorte de falar coa xente que organiza a Pontevedrada, que é unha iniciativa para unir Pontevedra e Santiago camiñando a favor das doazóns de órganos. Levan dous anos sen poder facelo pola pandemia e a raíz deste reto falamos e regaláronme dous colgantes dos que levan eles, que os fan en madeira pirogravada.
Nunha madeira graváronme por unha banda unha vieira e no canto os nomes do meu marido, os meus fillos e o meu can co lema "con eles, cos de sempre e para sempre"; e logo na outra madeira sae o meu nome e no canto pon "o único que necesitas está no teu corazón, voa". Esa frase penseina moito durante o camiño. E eles dicíanme que quen sabe se disto pode saír unha iniciativa e eu contéstolles que na vida todo ten que fluír e se sae algo máis, que salga, e se queda como algo anecdótico tamén. Pero si, xa lle estou dando voltas e gustaríame despois do verán facer algo.
Relacionadas:
-
A denuncia dun paciente de esclerose múltiple: máis dun ano sen consulta en Neuroloxía
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
María Ramallo recibe a Raquel Carragal antes de percorrer 110 quilómetros para visibilizar a esclerose múltiple
Por Redacción |
-
A esclerose múltiple será o tema da próxima mesa redonda do ciclo "Bueu Concello Saudable"
Por Redacción |
-
Pancho de la Barrera, un bombeiro vilagarcián que loita contra o cancro infantil cos seus bonecos viaxeiros
Por María José Pita |
-
Marín lanza un plan de adestramento para o confinamento
Por Redacción |