O goberno local de Poio asegura que xa consolidou actuacións chave antes da metade do mandato
Por Oskar Viéitez
O goberno municipal de Poio, formado por Bloque Nacionalista Galego, PSdeG-PSOE e Avante Poio, fai un balanzo moi positivo do traballo efectuado desde o inicio do mandato actual.
A menos de dous meses vista de cumprírense dous anos da firma do acordo de goberno, son varias as iniciativas prioritarias que figuran no devandito acordo que, "ou ben están en marcha, ou xa son unha realidade".
O equipo liderado polo alcalde, Luciano Sobral, asegura que xa consolidou "actuacións chave para o desenvolvemento do municipio" como son, segundo sinalan, a resolución do histórico problema do saneamento, o avance no PXOM e na apertura da illa de Tambo e inversións que superan os 5,5 millóns de euros para a realización de obras, melloras e adquisición de equipamentos públicos.
O goberno local de Poio afirma que mantén clara a súa folla de ruta de aquí a 2023, "que pasa por continuar dotando á veciñanza de novos equipamentos, servizos e actuacións que melloren a súa calidade de vida, adaptándose, ademais, ao contexto derivado da pandemia".
No aspecto económico, a principios de ano o goberno local aprobou o orzamento máis alto da súa historia (13 millóns euros), cunha importante suba no apartado de investimentos. A utilización do remanente de tesourería (1,4 millóns), máis a dotación dun préstamo (2,7 millóns) "permitirán acometer unha gran cantidade de reformas, actuacións e obras, encamiñadas a mellorar as instalacións municipais, os servizos e a recuperación e posta en valor dos núcleos tradicionais, así como a construción de novos equipamentos".
Tamén destacan que este mandato tamén está a servir para "consolidar a posta a disposición da veciñanza de ferramentas que faciliten a súa interacción directa coa administración local", como é o caso da administración electrónica. Ademais, está a piques de culminar a posta en marcha do Consello de Participación Veciñal.
Por último, o goberno municipal salienta que "todos estes feitos deixan en evidencia e contrastan coas mentiras, manipulacións e ansias do Partido Popular por amosar unha imaxe catastrófica que non é real". Neste sentido, os dirixentes lamentan que a oposición en Poio "só teña interese en manter unha crispación absurda e constante" e que "estea máis pendente de xerar tensións e dividir á cidadanía que de realizar achegas e propostas interesantes".
Relacionadas:
-
O PP de Poio pide auga e saneamento para vivendas próximas á Casa do Concello
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP de Poio critica nunha concentración os "dous anos perdidos" no goberno local
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio firmará co banco BBVA un préstamo de 2,7 millóns de euros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada