Aberto o prazo para realizar achegas á nova ordenanza de terrazas
Por Redacción
Unha vez aprobada a nova instrución de terrazas ábrese o período de exposición pública para que as persoas interesadas realicen achegas á nova ordenanza que regulará a ocupación de espazo público.
A concelleira Marián Sanmartín explicaba que o obxectivo desta instrución é ofrecer a seguridade xurídica necesaria para regular as novas peticións de autorización de instalación de terrazas solicitadas polos locais, xa sexa por nova ocupación ou por renovación da anterior.
Tamén se busca establecer medidas estéticas que ofrezan unha imaxe homoxénea no mobiliario público á que os locais deberán adaptarse. O Concello de Marín xa iniciou os trámites para sacar adiante a ordenanza.
A concelleira indicou que xa se anunciou á asociación da hostalería na última reunión mantida co sector que se busca a súa participación para que se poida responder as demandas. Para realizar propostas hai que entrar na sede electrónica da web municipal e entrar no departamento de ' Queixas e suxestións > suxerencia > motivo ou tema > consulta pública previa modificación > ordenanza'.
Ao longo deste 2021, os establecementos do municipio atópanse exentos do imposto de veladores e terrazas, tal e como sucedeu tamén desde o inicio da pandemia en 2020.