Arranca o curso máis fashion do Campus
Por Oskar Viéitez
Este mércores arrancou un novo curso na ESDEMGA, siglas dos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, unha Titulación Propia da Universidade de Vigo que se imparte no edificio da Facultade de Belas Artes en Pontevedra.
A Directora da ESDEMGA, Lola Dopico, actuou como anfitriona dando a benvida aos novos alumnos, 29 mulleres e 1 home, subliñando a súa vocación para "seguir formando a xente coa mellor calidade posible cara o ámbito que lles interesa que é o mercado da moda".
En Pontevedra fórmanse profesionais do deseño altamente capacitados para integrarse neste sector punteiro, un esforzo que require unha constante actualización do profesorado nas técnicas máis actuais e as últimas tecnoloxías, enfocada ao dominio de linguaxes e metodoloxías da creación e as ferramentas de carácter técnico, o coñecemento dos tecidos, o deseño por ordenador, o patronaxe, a fotografía de moda, nocións de mercadotecnia, inglés profesional, etc...
"Este curso ademáis do título propio activamos novas unidades de formación, para atender a demanda dos alumnos, por exemplo graduados en Comunicación ou en Belas Artes que queren facer unha especialidade de fotografía de moda", explica Dopico.
Un título propio significa que non está homologado oficialmente, nin ten carácter oficial en todo o territorio español, non obstante, o gran recoñecemento e prestixio gañado por esta Escola ao longo dos últimos anos logrou que o 70% dos alumnos que aquí estudan saian cun contrato de traballo.
Son tres anos académicos de formación que inclúen prácticas nos equipos de deseño das principais empresas de Galicia, en empresas estatais e de nivel internacional.
O principal escollo que teñen que sortear é o alto prezo da matrícula. Un curso da ESDEGA pode supoñer para o alumno un gasto anual de 10.000 euros.
Relacionadas:
-
O estilo dandy de Marta Domínguez, premiado no Xuventude Crea
Por Redacción |
-
O talento de cinco ex alumnos de Esdemga deslumbra na inauguración de PONMO
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
A Escola de Deseño e Moda de Pontevedra conquista Madrid
Por Redacción |
-
Debut 2012. Un espectáculo visual
Por Alejandro Espiño |