Demandan a constitución do Servizo de Normalización Lingüística de Marín
Por Redacción
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG, aféalle a María Ramallo, alcaldesa de Marín, que non se creara o Servizo de Normalización Lingüística no municipio, tal e como se acordou nun pleno por unanimidade hai un ano e como se recolle na ordenanza de Normalización Lingüística do Concello.
A representante nacionalista lembra que a saúde do idioma galego está nunha situación crítica en todo o país, cunha "aceleradísima" perda de falantes e cun claro retroceso entre os menores.
Acusa desta situación á "política lingüicida" por parte do goberno de Núñez Feijóo e tamén culpa ao goberno de María Ramallo ao afirmar que desde o Concello non se realiza unha soa actividade de promoción e fomento do galego.
Por este motivo, desde o BNG solicitan o cumprimento do acordo plenario para a creación do Servizo de Normalización Lingüística e para que o goberno local adopte medidas que fomenten o uso da lingua de Galicia.