A Facultade Ágora reflexionará sobre ‘As persoas primeiro’
Por Redacción
A cuarta xornada da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra leva como título ‘As persoas primeiro’. Nas sesións deste venres 21 de maio debaterase sobre a filosofía de adecuar o deseño das vilas e cidades ás necesidades reais das persoas para que poidan desenvolver unha vida plena tanto dende o punto de vista social como da mobilidade.
Como vén sendo habitual neste foro sobre o espazo público, as persoas relatoras son expertas a nivel internacional na materia. É o caso de Ole Thorson, Paula Teles, Álvaro Gómez e Jesús Fole. O obxectivo será reflexionar sobre os conceptos contrapostos de mobilidade e tráfico, para tocar de seguido temas como a velocidade 30, a regulación de bicis e VMP e os dereitos das persoas que camiñan, visualizando os aspectos técnicos dun espazo público pensado para as persoas, con plataformas únicas, beirarrúas, pasos elevados, iluminación acaída, anchura de carrís, materiais, e vexetación.
A conferencia que levantará máis expectativa, pola coincidencia coa implantación da obrigatoriedade dos 30 quilómetros hora nas vías urbanas dunha dirección por carril, será a do director do Observatorio Nacional de Seguridade Viaria da Dirección Xeral de Tráfico, Álvaro Gómez.
Explicará, entre outras cousas, o obxectivo da campaña internacional da ONU de facer un chamamento para que todas as cidades do mundo implanten o límite de velocidade a 30 km/ h, buscando compromisos políticos a nivel estatal e local en áreas urbanas. Ademais destacará os vínculos entre os límites de velocidade e o logro dunha serie de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Por outra parte, Ole Thorson, enxeñeiro de camiños, amosará a súa experiencia de 45 anos traballando con mobilidade, seguranza e sustentabilidade na busca dun uso racional e equilibrado do espazo público.
Paula Teles, enxeñeira civil especializada en planeamento do territorio e xestión urbanística, falará da súa consultoría sobre planeamento e xestión da mobilidade, sendo pioneira en Portugal en accións de mobilidade urbana inclusiva.
Jesús Fole, asesor de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, abordará a necesidade de que os deseños e actuacións das institucións locais muden o paradigma predominante e deseñen vilas e espazos non destinados aos coches como elementos centrais.
Relacionadas:
-
Retornan as sesións da Facultade Ágora coa directora de Saúde Pública da OMS
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora acolle un último seminario sobre "Mobilidades alternativas" antes do parón do verán
Por Oskar Viéitez |
-
A Facultade Ágora analiza a redución do tráfico de paso e de transporte de mercadorías
Por Redacción |
-
Cuarta sesión da Facultade Ágora co recoñecemento dos peóns como base das cidades sustentables
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre as cidades que coidan as persoas e limitan os vehículos
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora adicará a próxima xornada aos espazos seguros e inclusivos
Por Redacción |
-
Carlos Moreno, o urbanista asesor da alcaldesa de París, apoia o Plan Ágora da Deputación: "el espacio público es el elemento mayor de la democracia"
Por María José Pita |
-
Especialistas da Facultade Ágora, partidarios de que os fondos 'Next Generation' melloren os espazos públicos
Por Redacción |