A corporación de Cerdedo-Cotobade apoia as alegacións do Concello ao parque eólico de Porto Vidros
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os representantes do PsdeG-PSOE, José Antonio Pazos, e do BNG, Ernesto Filgueira, asinaron conxunta e unánimemente o respaldo ás 24 alegacións que presenta o Concello ao parque eólico de Porto Vidros cuxo prazo remata este venres.
Os voceiros dos tres grupos municipais con representación na Corporación de Cerdedo-Cotobade respaldan deste xeito os traballos realizados polos técnicos municipais e a empresa Tysga, especializada na defensa medioambiental, que redactaron as 24 alegacións que se incluíron no documento interposto pola adminstración local ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, organismo encargado de tramitar este expediente.
Esta actuación conxunta ten como obxectivo visibilizar os defectos e problemas que presenta o deseño actual do proxecto eólico que se somete a información pública.
Entre os puntos que se salientan nas alegacións están que o parque eólico de Porto Vidros contempla unha dependencia tal do de Campo das Rosas que "poderíase estar ante unha fragmentación intencionada do proxecto para evitar un maior e máis exhaustivo control medioambiental que valorara no seu conxunto o impacto que podería ocasionar esta actuación".
Tamén indican que 9 dos apoios da liña de media tensión se atopan afectados polo Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia-Costa, concretamente no ámbito codificado como OT-01-28, referidas ao río Lérez.
Ademais consideran que a liña de evacuación implicaría afección á rede hidrográfica cunha afección directa sobre a flora e a fauna ripícola asociada ao verse afectada pola zona de servidume do tendido de media tensión e pola localización de varios apoios da mesma dentro das zonas de policía de varios ríos.
Outro dos aspectos que consideran salientar nas súas alegacións está o impacto na avifauna que cren crítico xa que o ámbito do estudo pode albergar presencia de innumerables especies de aves en época reproductora, algunha delas ameazadas. Ademais din que se evidencia unha falla dun estudo en profundidade das aves necrófagas como os voitres e alimoches, en vías de extinción. Tamén se di que o proxecto actuaría de xeito severo fronte aos quirópteros (morcegos) e contra a biodiversidade e o patrimonio natural e non ten en conta aspectos relacionados co cambio climático.
IMPACTO ACÚSTICO
Nas alegacións tamén se inclúe unha referente a traballos de campo realizados recentemente que permitiu descubrir elementos patrimoniais non inventariados que deberían ser preservados das actuacións do parque eólico e que non se recollen no seu estudo. Falan concretamente de varios petróglifos descubertos así como gravados rupestres.
Ademais botan en falla un estudo sobre o impacto acústico da actividade dos eólicos sobre o gando salvaxe presente na zona e que son un sinal identitario do concello de Cerdedo-Cotobade así como que o proxecto prevé actuar sobre montes veciñais sin ter en conta a necesidade de xustificar un expediente expropiatorio, os usos compatibles das utilidades do terreo con actividades de uso agrogandeiro.
Por outra banda, as alegacións do Concello sinalan que o estudo de impacto e integración paisaxística presenta graves defectos na metodoloxía minimizando o seu impacto visual e mesmo o seu atractivo turístico como os miradoiros, a incidencia sensorial do proxecto e non se teñen en conta as directrices da paisaxe (DOG 1 de febreiro de 2021).
Tamén fan referencia á necesidade de establecer unha reposición de masas forestais autóctonas eliminadas pese a que o estudo fala de que se afectará a unha superficie de 20.396 metros cadrados de carballeira e 1.679 m2 de bosque mixto. Tamén argumentan que os valados tradicionais que se destruirán deberán ser reconstruídos con materiais e técnicas tradicionais e o proxecto non o contempla.
Finalmente, na argumentación das alegacións do Concello reflexiónase sobre a falla dunha análise de conectividade ecolóxica que non se analiza sobre o impacto que suporá a liña eléctrica sobre as masas boscosas e a súa fragmentación en bosque mixto, bosque de coníferas, frondosas autóctonas ou plantación de eucaliptais.
Tamén cren que o estudio de afección ao turismo non analiza de xeito adecuado a incidencia no sector local do parque eólico e non se establecen medidas concretas para minimizar o impacto sobre esta materia, especialmente no núcleo rural de Pedre xa que é o máis exposto ao parque e o que concentra máis servizos hostaleiros.
Relacionadas:
-
Cubela e os veciños de Cuíña rexeitan os eólicos e trazarán estratexias contra eles
Por Redacción |
-
Asemblea veciñal para analizar a creación do parque eólico dos Cotos
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
O Pavillón de Carballedo recolle a preocupación da veciñanza polo proxecto eólico
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade alegará contra o parque eólico de Porto Vidros
Por Redacción |
-
A Xunta asegura aos concellos que non aprobará parques eólicos fóra de áreas autorizadas na lei do 97
Por Redacción |
-
A cara oculta dos parques eólicos desvelarase este venres 30 no Teatro Principal
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Os comuneiros e o Concello crean unha comisión de seguimento ante os proxectos eólicos en marcha en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |