O Concello de Pontevedra avanza na procura da súa nova imaxe corporativa
Por Redacción
A páxina web do Concello de Pontevedra ten previsto publicar este luns o borrador das bases do concurso de deseño convocado pola concellería de Promoción da Cidade e Réxime Interior para renovar a imaxe corporativa municipal, segundo avanza o goberno local.
A evolución da cidade nos últimos anos debe de estar reflectida na nova imaxe do Concello, segundo explica a concelleira Anabel Gulías. "A proxección internacional e o feito de termos sido referenciais nunha serie de debates que seguen producindo pero que nós adiantamos, e é un feito que fai sentirnos moi orgullosas no traballo feito ata o momento", sinala a edil, definindo tamén Pontevedra como "unha cidade nova, do futuro, viva, creativa, dinámica".
Este avance é un borrador das bases que sairán publicadas no taboleiro de anuncios do Concello e no perfil de contratación da sede electrónica (sede.pontevedra.gal.). A partir dese momento abrirase un prazo de 10 días hábiles para que os profesionais que queiran participar presenten o seu portfolio, que non debe incluír traballos relacionados co Concello de Pontevedra xa que se trata de promover o anonimato durante o procedemento.
Será a primeira fase do proceso. Na segunda seleccionaranse catro empresas ás que se lles cursará convite para que presenten as súas propostas de 'imagotipo' coa correspondente memoria e definición da imaxe en diferentes soportes e aplicacións. Nesta fase, as empresas participantes serán compensadas con 950 euros para gastos na elaboración das propostas, e a adxudicataria final subscribirá un contrato por un importe de 12.000 euros para desenvolver a imaxe corporativa definitiva.
O xurado que participará na selección está formado por persoal municipal que inclúe dúas técnicas do departamento de Comunicación, o xefe da Oficina Municipal de Arquitectura, unha técnica de Secretaría, a propia edil de Réxime Interior e Contratación e dúas persoas designadas para o efecto pola Asociación Galega de Deseño.
Ademais da Pontevedra actual, a nova imaxe corporativa do Concello tamén debe representar, segundo Anabel Gulías, "a todas e todos os pontevedreses" polo que o traballo gañador debe valer para "un veciño de Michelena como de Pintos, para un veciño de Monte Porreiro ou de Mollavao".
A imaxe corporativa actual das administración local é unha adaptación do escudo oficial de Pontevedra, cuxos elementos se definiron oficialmente nunha edición do Diario Oficial de Galicia de xaneiro de 2002.
Relacionadas:
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, na busca dunha nova imaxe para dar un "salto adiante" na súa proxección
Por Alejandro Espiño |
-
Os interesados en deseñar a nova imaxe do Concello poden presentar traballos ata o 2 de xullo
Por Redacción |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Concello e Asociación Galega de Deseño colaboran na renovación da imaxe corporativa municipal
Por Redacción |
-
Haberá un cambio de imaxe corporativa do Concello para amosar o dinamismo e a proxección internacional de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |