Adxudicada a mellora da conexión da Autovía do Salnés coa PO-504 en Sanxenxo
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou, por preto de 260.000 euros, a execución de mellora da conexión da Autovía do Salnés coa estrada PO-504, ao seu paso polo concello de Sanxenxo.
Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Fechi, S.L.U., prevén iniciarse en setembro para evitar a afección ao tráfico en época de verán. Trátase de construír un novo ramal para os vehículos que veñen do Grove e da Lanzada e saen da vía rápida en Sanxenxo para enlazar coa PO-540, substituíndo ao actual.
A actuación precisa de expropiacións, estando xa fixado o levantamento de actas previas para o día 10 de xuño, e a convocatoria de pagamento dos depósitos previos e formalización das actas de ocupación dos terreos o día 16 de setembro.
O proxecto ten como finalidade a mellora da fluidez do tráfico nesta contorna e reducir os atascos na época estival. Para iso, construirase un novo ramal de saída, cun radio de xiro axeitado, que vai substituír o actual e vai permitir eliminar o stop.
Ademais, ampliarase a plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e habilitarase un carril de acceso directo adicional.
As obras complementaranse con outras actuacións de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación dos báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos no ramal entre glorietas.
Relacionadas:
-
Desvíos de tráfico en Sanxenxo polo inicio das obras para mellorar a ligazón á Autovía do Salnés
Por Redacción |
-
Comeza o proceso de expropiación de terreos para mellorar a ligazón da Autovía do Salnés en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Xunta construirá en Sanxenxo unha senda peonil na contorna da Autovía do Salnés
Por Redacción |
-
O DOG publica o decreto de expropiacións para a reforma do enlace da Autovía do Salnés en Sanxenxo
Por Redacción |