Adegueiros da comarca preparan unha marca propia para os seus viños
Por Oskar Viéitez
Un grupo de adegueiros de Pontevedra, Poio, Marín, Vilaboa, Bueu, Cangas, Moaña e Redondela preparan os trámites para lograr a Identificación Xeográfica Protexida para os seus viños.
Condenados a vender os seus viños só nos furanchos, este colectivo intentou sen éxito a inclusión dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas. Despois de anos de denodados intentos, pechadas as portas do Consello Regulador, este numeroso grupo de viticultores e furancheiros decidiron recorrer a esta certificación que está avalada pola Comisión Europea para designar produtos, entre eles, os agrícolas.
O certificado permítelles legalizar as súas adegas, etiquetar e comercializar.
Esta mesma vía foi a saída para outros bodegueiros como os do Barbanza, onde conseguiron a Identificación Xeográfica fai xa seis anos.Por esa experiencia xa saben que a obtención deste selo de Identificación Xeográfica Protexida ten unha lenta e complicada tramitación.
Nos próximos días a Federación de Viticultores e Furanchos de Pontevedra celebrará unha asemblea para informar dos pasos administrativos que se completaron ata agora e os próximos que se van dar.