Marín ingresará máis de 11.000 euros polos servizos e quioscos nas súas praias
Por Redacción
Algo máis de 11.000 euros ingresará o Concello de Marín polas taxas que pagarán os adxudicatarios dos servizos recreativos e quioscos que se instalarán este verán nas súas praias.
Haberá quioscos en Portocelo, adxudicado por un importe de concesión de 2.200 euros, Mogor (1.850 euros), Aguete (1.242 euros), Loira (3.000 euros) e O Santo (646 euros).
Ademais, adxudicouse un posto de canoas e piraguas en Aguete por 1.100 euros e outro de paddle surf tamén neste areal polo mesmo importe.
O posto de hidropedais de Mogor, pola súa banda, quedou deserto.
A explotación das instalacións levarase a cabo baixo o exclusivo risco e responsabilidade do titular da autorización e os permisos non serán transmisibles a terceiras persoas. A súa vixencia será desde o momento da súa concesión ata o 30 de setembro.
Tras a adxudicación, os beneficiarios deberán presentar a documentación correspondente nun prazo de dez días hábiles.