Rafa Domínguez esixe a dimisión de Lores por "mentir descaradamente" sobre a súa casa
Por Alejandro Espiño
Hai doce días o PP daba por resolto o asunto da casa do alcalde de Pontevedra, sen licenza de primeira ocupación durante 22 anos. "Lo grave ha sido mentir", aseguraban. Pero agora os populares cambiaron de idea e esixen que Miguel Anxo Fernández Lores dimita.
Fano, segundo explicou Rafa Domínguez en rolda de prensa, tras acceder ao expediente completo sobre a licenza da casa do rexedor e comprobar que "mintió descaradamente" aos medios de comunicación, ao Partido Popular "y a todos los pontevedreses".
Ter acceso a este expediente "lo ha cambiado todo", recoñeceu Domínguez, porque a documentación demostraría que "es falso" que a licenza de primeira ocupación "no era necesaria en aquella época", en 1997, cando se construíu a vivenda.
O portavoz do PP, que exhibiu parte do expediente, sinala que no punto once da licenza de obra os técnicos advirten que "a edificación non poderá ser ocupada en ningunha das súas plantas ata que as obras estean completamente terminadas, tendo que solicitarse nese momento a preceptiva licenza de primeira ocupación".
"Es inadmisible que, sabiendo que su licencia de obra recoge esto, Lores haya mentido así", sinalou o líder popular, que considera que o BNG "ha quedado en evidencia".
Domínguez reclama que Lores "pida disculpas" a todos os pontevedreses e, a continuación, "que dimita como alcalde de Pontevedra", porque entende que o erro "era aceptable y más cuando lo regularizó todo" pero engade que todo cambia cando "la mentira es reiterada".
A documentación dos servizos urbanísticos, insistiu o edil do PP, "acredita que nosotros dijimos la verdad". Segundo Rafa Domínguez, "con una disculpa se hubiese acabado el tema", algo que non se produciu porque considera que o alcalde "lleva 22 años endiosado".
MOSQUERA INSISTE NA LEGALIDADE DA CASA
César Mosquera, pola súa banda, insistiu en que a casa do alcalde "é perfectamente legal" e nunca incorreu en ningún tipo de ilegalidade. "Ten cinco licenzas", explicou o edil, que no momento no que acabou a construción da vivenda era o concelleiro de Urbanismo.
Alegou que "nunca se mentiu" sobre a tramitación urbanística desta casa, porque explicou que "efectivamente" a normativa requiría a solicitude da licenza de primeira ocupación, pero no caso de vivendas unifamiliares o Concello "non as pedía".
"Esa decisión adoptouse para todo o mundo. Foi algo que se aplicou e aplícase aínda agora a todos", reiterou Mosquera, que defendeu que o criterio municipal é solicitar dita licenza a promocións de vivendas colectivas.
O edil apuntou que "as dúas cousas son certas: a casa estaba legal e as licenzas non se requerían". As persoas que estean na mesma situación, é dicir, habitando casas sen licenza de primeira ocupación "que queden tranquilos que non se lles vai a esixir nada", engadiu.
A este respecto, o edil nacionalista sinalou que a esa mesma instrución acolleuse o propio Rafa Domínguez. Non acabou as obras da súa casa no prazo que marcaba a súa licenza "e ninguén lle dixo nada". Ademais, habitou a vivenda antes de ter a licenza de primeira ocupación. Concedéronlla en xullo de 2020 e viviu nela desde o mes de abril.
"Fixo uso das normas de funcionamento que utiliza este concello e agora pide a dimisión do alcalde porque fixo o mesmo", concluíu César Mosquera.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez denunciará ante a Fiscalía tres contratos do goberno local
Por Redacción |
-
O Colexio de Arquitectos entra na polémica da casa de Lores e lembra que a licenza de primeira ocupación é "obrigatoria"
Por Redacción |
-
O PP dá por resolto o tema da casa do alcalde: "Lo grave ha sido mentir"
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo ve "sorprendente" a situación "impropia" na que estaba a casa do alcalde
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, sobre as licenzas da súa casa: "Non hai ilegalidade nin irregularidade algunha"
Por Alejandro Espiño |